A bondade natural do ser humano

|

As máximas filosóficas, pero tamén os ditados e diferentes pasaxes das Escrituras, acoden á nosa mente ao valorarmos o que pode significar iso da bondade natural do ser humano e, se en verdade, esta esencia, en aparencia intrínseca a el, realmente existe. Pensamos, por exemplo, desde a idea do bon salvaxe rousseauniano, pasando polo home como lobo do propio home de Hobbes, canto aos principios filosóficos se refire; ao pecado orixinal cometido polos nosos primeiros pais, e que os afastará definitivamente do ben; até a maldade con que os homes desafían a Deus así que deciden construír a Torre de Babel, tentando alcanzalo e mesmo superalo, e polo que serán castigados. E redúndase deste xeito na idea da desviación do ben, ou dito doutro modo, que a esencialidade do ben ten de ser consubstancial a nós mesmos, de forma que aquí colocamos un dos asuntos temáticos principais que as distintas correntes filosóficas, doutrinas relixiosas, artísticas, etc. levan abordando desde o principio dos tempos.
O 10 de xaneiro, o xornal ABC recollía na súa primeira páxina: “Psicosis terrorista en Europa. Francia venga a sus muertos”, enunciado que nos produce, cando menos, certa perplexidade. Mao e perigoso titular, xulgamos nós, para un diario que se define católico. E é que o termo ‘vinganza’ fica ben lonxe da doutrina que Cristo difundiu entre aqueles que o quixeron seguir e que mesmo se deixou inmolar para así redimir o home e poderlle ofrecer a vida eterna tras a morte. Porque, se Deus é amor, a vinganza ou o odio non teñen cabida. O autor de O evangelho segundo Jesus Cristo, José Saramago, deixara dito: “Matar em nome de Deus é fazer de Deus um assassino”. Evidentemente, aquel que mate no seu nome está a terxiversar por completo a mensaxe do Mesías, e no mesmo erro incorrerá quen o faga en nome de Alá ou, no caso da outra grande relixión monoteísta, no de Xeová.
Ningún dos tres deuses podería admitir que un home poida matar outro home, pois tal acción é tanto como desafiar a potestade divina, que é a única capaz de poder dar e tirar a vida humana. Non obstante, o uso e abuso desta potestade arrebatada ao Sumo Facedor, foi e é utilizada de maneira demasiado recorrente en diferentes épocas da historia, ben cos autos de fe cristiáns, ben coa aplicación dalgunha fatua emitida por algún imán, ben co terrorismo israelo-sionista a que tan afeitos estamos. Os textos sagrados, nun sentido moi xenérico, son bastante escuros en moitas ocasións. A linguaxe simbólico-metafórica que lles é propia ou a súa aparencia polisémica, é capaz de crear a suficiente carga de ambigüidade neles como para se prestaren a interpretacións, ás veces do máis encontradas, ao igual que os esexetas levan facendo desde antano.
A inxerencia dos dogmas de fe dentro da vida pública, civil e democrática, sexan da relixión que for, teñen interferido de maneira perniciosa no sistema de liberdades. Centos de anos de loita pola secularización do Estado lograron, finalmente, a elaboración dun corpus lexislativo de liberdades e igualdades exento de adoutrinamentos relixiosos. A Revolución Francesa, estandarte da nosa civilización laica e de dereito, foi e segue a ser guía na consecución deses principios básicos, e son de natureza inalienábel. O carácter tolerante destes principios, os cales son integradores e igualadores, non debe facernos perder o sentido xusto e recto do xa universalmente consolidado. Así pois, a admisión de calquera credo relixioso como acto individual, e asumido dentro destas liberdades tamén, non é óbice, por exemplo, para que sexan impedidas determinado tipo de condutas intolerantes, vexatorias, discriminatorias, etc. se elas van en detrimento das liberdades emanadas desta Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán.
A separación da Igrexa do Estado é connatural á nosa esencia democrática. Xamais deberiamos claudicar deste principio básico, e que a outras civilizacións e estados relixiosos actuais, quer islámicos, quer hebraico, os fai recuar centos de anos atrás, a unha situación propia do medievo, cos poderes lexislativo, executivo e xudicial mediatizados pola autoridade eclesiástica. Quixérono facer no seu día os fundamentalistas alxerianos, combatidos eficazmente polo exército, e agora o chamado Estado Islámico, coa eliminación física dos outros credos relixiosos non musulmáns. Mais Mahoma protexeu outrora os monxes cristiáns do Monte Sinaí e, por extensión, todos os seguidores da fe cristiá moradores dos territorios baixo dominio islámico. “Todo acto contrario a estes postulados está violando a promesa de Deus e a palabra do seu Profeta”, escribe do seu puño e letra. Porque a xustificación da represión, da violencia ou da aniquilación en nome de ideoloxías ou credos radicais poñen en cuestión o sentido da racionalidade (que é inherente ao ser humano), e a quen a bondade, se ben tamén a maldade, pertencen, ora os mecanismos de que se dota para mitigar esta última, deberan bastar para poder freala.

 

A bondade natural do ser humano