ENCOL DA CAÍDA DEMOGRÁFICA

Prevese unha forte caída da poboación na Galiza, e dun xeito máis moderado no Estado español. Din os analistas do INE que até o ano 2022 Galiza perderá case que un 5% da poboación, e pouco máis do 2% o Estado. En todo caso son previsións que, neste contexto histórico, de grandes mudanzas, non deixan de ser atrevidas porque ¿quen pode dicir con certeza cando se sairá da crise, e con que tipo de política? Non é unha pregunta calquera, xa que o crecemento ou non da poboación dependerá do avance ou recuar da globalización, de como se resolva a disputa entre territorios, de cal vai ser a correlación de forzas entre as clases populares e a gran burguesía, e asemade, que se teña en consideración a cuestión demográfica para garantir un mundo sostíbel.

Tampouco se pode ignorar que Madrid, Cataluña, Baleares, Canarias pode que teñan unha densidade demográfica superior ao que poden soportar e, en troques, tanto Galiza, como Estremadura, Asturias, e outras nacionalidades e autonomías están por debaixo do necesario para manter a vitalidade económica e social. Lembremos que levan décadas perdendo habitantes, e nalgunhas comarcas a densidade demográfica é a de territorios con serios problemas para manter a vida humana. Evidentemente esta situación é funcional aos grupos de poder dominantes, mais non é racional, polo excesivo esgotamento de recursos insubstituíbeis e o desaproveitamento doutros.

Os seres humanos temos que comprender que non é posíbel manter o crecemento demográfico da actualidade, polo que cómpre entendermos o futuro con menos habitantes e unha diminución da porcentaxe de poboación activa. Que sexa así, non ten porque representar un retroceso nas condicións de vida, cando en realidade as garante para os nosos fillos e os nosos netos. Ademais, hoxe unha parte importante da poboación, mesmo nos estados máis avanzados, está desempregada ou subocupada e, por outra banda, a produtividade de bens non deixa de medrar malia a menor masa laboral empregada na súa produción. En resumo, cómpre unha distribución máis equilibrada da poboación, economías mais autocentradas, e un modelo distinto que aforre recursos e non dilapide os bens producidos.

ENCOL DA CAÍDA DEMOGRÁFICA

Te puede interesar