A TRISTEIRA HISTORIA DO MUSEO DA CIDADE DE FERROL

Neste país está a darse o curioso paradoxo de que a xente máis nova, especialmente no eido político, prefire dirixir a súa ollada cara ao pasado, xeralmente para a súa revisión, e dese xeito non ter que pensar no futuro. Por contra, son persoas maiores as que se interesan polo futuro da nosa cidade. Ven isto a conto polo nulo interese que amosa Concello de Ferrol por ter un Museo da Cidade. 
No pasado 11 de Febreiro os promotores dunha “Declaración a prol dun Museo da Cidade”, apoiada por dezaseis asociacións e entidades culturais de Ferrol, remitírona por Rexistro Municipal ao Alcalde da Cidade, Concelleira de Patrimonio, Concelleiro de Cultura e aos cinco grupos políticos da Corporación Municipal. Esta iniciativa,froito dun continuado traballo de consenso que durou varios meses, logrou que por primeira vez na historia de Ferrol un documento como este fose asinado pola maioría do tecido cultural da cidade. 
Cumprido o trámite de remisión ao Concello de Ferrol, e despois de agradecer o xeneroso apoio das dezaseis entidades asinantes da proposta, esta Declaración continuou a súa Folla de Ruta, sendo remitida aos diversos medios de comunicación de Ferrol o pasado 25 de Febreiro, transcorridas dúas semanas sen ter acuse de recibo nin do Alcalde nin dos outros sete destinatarios, nunha mostra de falta de consideración, mesmo de educación, de todos eles.
Ferrol, cabeceira dunha ampla comarca de máis de seis centos quilómetros cadrados de extensión, abranguendo once concellos, non dispón dun Museo da Cidade, como teñen moitas localidades próximas, para que veciños e visitantes poidan coñecer o Patrimonio Cultural dunha urbe con historia de seu desde época medieval, vila de señorío dos Andrade, vila de reguengo baixo a Coroa no século XVIII e urbe ilustrada con título de cidade no ano 1858. 
Ferrol necesita un Museo da Cidade para gardar, expoñer e poñer en valor os obxectos e coleccións referentes á época castrexa, o período medieval, a Ilustración e o Modernismo, os bens procedentes do Patrimonio Industrial e Comercial, a cultura do traballo, a memoria obreira, o fenómeno da emigración, os usos e costumes, as Pepitas, a Semana Santa, a música tradicional e o deporte, sen esquecer as dúas rutas históricas da comarca, o Camiño Inglés e o de Teixido, así como a importante documentación relativa ao fracasado expediente de Patrimonio Mundial.
Estamos a falar detodo aquilo que forma parte dos sinais da identidade da cidade, sen esquecer a exposición pública das numerosas obras de pintura, gravado e escultura, da autoría de artistas coñecidos, espalladas pola cidade, moitas veces gardadas en almacéns, outras penduradas de forma simplaina nas escaleiras do Concello ou expostas en salas pechadas ao público . 
Este Museo da Cidade debe protexer, conservar e difundir o Patrimonio Histórico e Cultural de Ferrol, pero tamén facilitar o traballo dos estudosos e investigadores. Como complemento ao Museo, cumpre crear un Centro de Estudos Locais, coa correspondente Revista de Estudos Históricos, que recolla e publique os traballos de investigación de índole cultural e histórica, referidos a Ferrol e a súa comarca, unha publicación da que carece Ferrol e da que dispoñen desde fai tempo localidades como Neda, Pontedeume e Mondoñedo. 
Queixume triste dun F.T.V. Levo moitos a traballar no estudo e difusión dos cruceiros galegos. Vaise a publicar pola Xunta de Galicia un listado dos cento un cruceiros galegos máis senlleiros como BIC’s (Bens de Interese Cultural). Como membro da Comisión encargada da selección, e a pesares da miña insistencia, non conseguín incluír o notable Cristo da Tahona ferrolán nesta lista, polo continuo maltrato e abandono do Concello de Ferrol cara a esta xoia medieval. Nunha recente visita ao Centro Cultural puiden coñecer a última falcatruada: dixéronme que o Cristo Errante estaba exiliado no Panteón da Costa de Mella.
 

A TRISTEIRA HISTORIA DO MUSEO DA CIDADE DE FERROL

Te puede interesar