Non está o alcacén para gaitas

Andei pola Cobeluda
unha tarde de vagar.
Cruzando o río Castro
saíme o cuco a cucar.

Adeus agosto beira do río. Vintecinco graos á sombra. Pasado século. Ti abrasadora eu fumegante. O musical murmurio das augas. Aquela soidade tentadora. Dous corazóns latexantes. Dous corpos emanando xuventude. Insinuantes. Tremecentes.Catro inquedos ollos. Catro mans inquedas. Bicos que sabían a pouco. Velaí xustificada a nosa determinación… Irmos á festa verbena de San Ramón (de Sillobre).
Verán 2014, tardeiro e morno, informal. As máis de tres mil festas que acostumaba haber en Galicia van a menos motivado á crise. O pobo, cinto apretado, ten poucas ganas de festas. A economía familiar é insuficiente para os gastos máis imprescindibles.
Quen si fai boas festas, privadas, son os grandes magnates, millonarios en euros. Banqueiros. O imperio das finanzas e mafiosos. Á nosa conta, claro está. E fan ben. O que non poida puxe, ou que estudie onde eles o xeito de explotar ós demais, na escola dos canallas. Apúntense os desalmados agora que comeza o curso.
Ainda que os galegos, acostumados a bailar coa máis fea e con quen peor leva o compás somos festexeiros e caralladas. Era o que faltaba senón, aínda que nos últimos anos perdimos a saudable costume de cantar en bares e tabernas. Incluso, e iso si que pode ser contra terapia, cantar na ducha.  A comarca de Ferrol é zona de bos cantantes e músicos. Lugar de moitas festas, aínda que dunhos anos acó, festas e alegrías as xustas, que non son moitas. Non está o alcacén para gaitas, nin o forno para bolos.  A maioría das festas van aló e ó verán quédanlle catro dianas. Eso si, os partidos políticos andan xa enleados en fiar candidaturas. Camarón que se dorme, xa se sabe, non sae na foto.
Ferrol e comarca segue agardando o milagre do pan e os peixes (barcos nas gradas). Os milagres xa se sabe, son cousas raras. Son milagres, á parte de ter fe hai que ter máis paciencia que tivo Job, e a paciencia nesta comarca ten un límite. Ou non. Os inventores de milagres fabricantes de soños, ou son doutros países, por un exemplo do de Alicia das Marabillas, ou quedaron durmidos nos loureiros e espertarán cando estes dean peras.  Seguro que os milagreiros terémolos por aquí antes das próximas eleccións municipais: Barcos, empleo, melloras e obras en tódolos concellos, diñeiro que cae dos loureiros e do ceo, o que faga falta. Despois, como sempre. “Si te he visto no me acuerdo”. Auga de lavar. Palabras que leva o vento nordés que aquí peta duro. Ata as próximas, que volverán a contarnos máis mentiras.
Hai que rexenerar a vida pública, din. Propaganda. Non queren, ademais namentres sigan gobernando ou presentándose en candidaturas aqueles que están emporcados ata as pestañas, a dexeneración seguirá.  Mentres os intereses do Pobo non permañezan por riba dos partidos e dos intereses privados, os gobernantes  sexan  monicreques da Merkel e da Banca, non se cambie a Constitución e a Lei, e a Xustiza non actue igual para para todos, nada que facer.
Mentres Pobo, Honestidade e Ética non sexan intereses prioritarios. Mentres non refundan de pés a cabeza a todos aqueles que están acostumados a bailar na criba, a rexeneración e pura utopía. Aínda que, querendo, non hai proxecto irrealizable. Aló van as de verán. Galicia poida sexa a autonomía onde máis festas se realizan de España. Orquestras, bandas de música, actos relixiosos, foguetes, e o principal, a reunión familiar para comer xuntos e falar en vivo e en directo, a poder ser sen o cruzamento de aparellos móbiles e pantallas indiscretas.
Non hai parroquia que non presuma da súa festa patronal, aínda que hoxe debido á crise económica e social a alegría e as festas van en declive. Seguimos na Longa Noite de Pedra. Galicia é berce de mulleres e homes traballadores e honestos que estamos machucados, onte dende Madrid e hoxe tamén dende fóra do país. Seguimos buscando o pan lonxe da terra, coma onte emigrantes non voluntarios.
Seguimos co ancestral cheiro a meigallo, do que temos que arredrar. Rica Galicia se non a espremeran, tantas veces os seus propios fillos.  Baixa a néboa por Canido, nin os estaleiros vexo. Ou será que é noite pecha? Se teño cobertura mañá mándoche un WhatsApp, amigo Sidre.

 

Non está o alcacén para gaitas

Te puede interesar