Mortos con nome

oxe quérolles dedicar unha canción, ao xeito do que se facía naqueles programas radiofónicos dos cincuenta e dos sesenta -os da miña infancia e adolescencia-, cando a radio estaba tan presente nas nosas vidas. Disque están volvendo e que ata se poden volver poñer de moda. Nunca se sabe.
A canción leva o título de “Inúmeráveis”, o mesmo que teñen os versos do poeta cordelista cearense Bráulio Bessa, que musicou o cantante, tamén nordestino, Chico César. Bráulio Bessa, que ten contado que nunca lera leteratura atá que un seu profesor lle puxo nas mans un libro do célebre poeta popular de cordel Patativa do Assaré. Ficou marabillado e, a partir de aí, comezou a escribir poesía nesa liña e poema a poema acadou tremenda sona -millóns de visualizacións- colgando vídeos nos que recita as súas composicións. E non só iso, xa que os seus libros estiveron entre os máis vendidos de Amazon e do Brasil. Axudou, como non, a esa popularidade do Bessa, o feito de que a literatura de cordel -que por estes nosos lares, aínda non hai tanto, se vía e se escoitaba en feiras e mercados da man dos cegos- goza de grande receptividade no nordeste brasileiro. Son moi populares, por exemplo, as historias referidas a Lampião, un dos últimos canganceiros -considerado o máximo líder da historia-, e a súa compañeira María Bonita, a primeira muller que formou parte dun grupo de bandoleiros.
A comezos de maio, cando xa a pandemia do Covid-19 afectaba duramente ao mundo enteiro, Edson Pavoni -artista de instalacións en espazos públicos- e Rogério Oliveira - escritor publicitario-, desde os seus respectivos confinamentos, sentiron a necesidade -axiña compartida por media ducia de xornalistas- de que os mortos por coronavirus no Brasil deixasen de ser un ritual de números e se convertesen en historias. Para iso, Pavoni escribiu “não há quem goste de ser número, gente merece existir em prosa”, frase que colocou ao carón de “Inumerábeis”, que quixo ser, e é, un memorial dedicado aos miles e miles de vítimas do coronavirus no Brasil. Crearon unha páxina na que instaban a familiares ou amizades da xente falecida a incluír unha breve historia deles no memorial https://inumeraveis.com.br.
Aí atopamos cousas tan emocionantes como estas: Benedito de Paula Silva, 75 anos : “Um corintiano devoto de Nossa Senhora Aparecida que não passava desapercebido”; Maud de Morais Cordeiro, 90 anos: “Gostava de política e nunca fugiu de um debate”; Bianca Galvão de Oliveira, 18 anos: “Uma menina que ousou sonhar ilimitadamente”;  Eunice Farah, 77 anos: “Foliã apaixonada pulou o último Carnaval no Clube do Ipiranga com filhos e netos”; Ricardo Maeda, 44 anos: “Ia ser um pai completo. Não teve tempo”...
Foi nesa liña, e con ese título, que o poeta do Ceará escribiu ese “Inumeráveis”, que musicado e cantado por Chico César -entendo que non precisa de presentación- que os convido a escoitar. Doado de atopar na rede.

Mortos con nome

Te puede interesar