Meirás

Por fin, logo dun longo percorrido o Pazo de Meirás xa é de propiedade pública. Comezárase a construír no ano 1893 nunha modesta finca propiedade da familia Pardo Bazán, despois Dona Amalia viúva de Pardo Bazán comezou a levantar as torres cunha dotación económica sustentada a prazos perante varios lustros dándolle o aspecto que arestora ten. Dende o ano 1941, logo dunha serie de “manobras orquestrais na escuridade” que xa todos coñecen, pasa a ser propiedade do ditador.

As autoridades daquel tempo dixeron que fora un agasallo dos galegos ao caudillo, pero en realidade ese agasallo foi posible grazas a doazóns forzosas de moitos funcionarios aos que se descontou da súa nómina unha cantidade en relación ao seu salario. Por casa andaba unha cédula a modo de recibo na que figuraba a cantidade que lle retiraban ao meu pai si ou si. Logo firmouse un documento fraudulento de venda por unha cantidade próxima as 90.000 pesetas. Pero toda esta historia xa a coñecen vostedes. É a historia dun espolio, porque a maiores desta trampa foron confiscadas terras ao redor do pazo a varias familias de Meirás tamén si ou si.

Dende o ano 2008 a propiedade é considerada ben de interese cultural polo goberno bipartito da Xunta. Por certo, Alberto Núñez Feijóo hai tres anos rexeitou a devolución cualificándoa  de “mecanismo franquista”. Arestora aplauden con entusiasmo. Menos mal que viron a luz: ¡aleluia!

Pois ía sendo hora que as cousas adquiridas por métodos abxectos sexan devoltas, non só o continente senón o contido tamén porque a ninguén se lle oculta que á ama de chaves do pazo, dona Carme, empregaba tamén métodos tramposos para facerse con cousas, por exemplo antigüidades ás que era moi afeccionada e logo a ver quen ousaba pasar factura. Todo remataba sendo tamén agasallos como esas dúas estatuas do mestre Mateo, por exemplo.

Todo isto chega como corenta anos tarde pero ben está si se dá chegado, e postos neste asunto habería que indagar noutras propiedades adquiridas por ser vos quen sodes. Aí está a “Casa Cornide” que en 1957 foi mercada para instalar alí o Conservatorio cousa que non se fixo e pasou a propiedade do Concello que máis tarde o vende en puxa pública facéndose con ela o banqueiro Barrié de la Maza que llela pasa, como non, a dona Carme imaxino como recoñecemento aos servizos prestados ou por prestar, que niso o banqueiro non daba puntada sen fío.

¿E as propiedades de Queipo de Llano adquiridas tamén co espolio como argumento en Andalucía? Pois xa se verá.

Meirás

Te puede interesar