Ferrol Análisis: 25 aniversario

Permitídeme que, sendo parte interesada, utilice esta “mirada” para aludir a unha publicación que o próximo día 28 cumprirá un cuarto de século, unha idade curta para o ser humano pero xa lonxeva tratándose dunha revista, e máis co epígrafe de “pensamento e cultura” porque na procura de pensamento e cultura andamos máis ben escasos. Así as cousas é un verdadeiro milagre que unha publicación que non se dedica a temas mundanos nin ao deporte goce de boa saúde e sobreviva  tanto tempo a tódalas condición adversas coas que se atopa aí fora.  O Club de Prensa de Ferrol a creara coa pretensión de que fose voceiro ou mais ben plataforma de expresión para que os xornalistas puidesen publicar o que consideraran oportuno ao marxe dos traballos que realizaban nos seus departamentos de redacción, pero co paso do tempo converteuse noutra cousa; nin mellor nin peor, pero noutra cousa. Pola escasa participación de xornalistas locais, recorreuse a colaboracións foráneas que, xunto a achegas próximas, foron dándolle o corpo que amosa na actualidade e que a situou coma unha das mellores revistas de pensamento e cultura que se editan na actualidade neste país. Dende aquel número 1, nado na cidade o 28 de setembro de 1990 ata o 29 que se presentou hai uns días, pasaron vinte e cinco anos. Era entón alcalde de Ferrol Manuel Couce e aquel FerrolAnálisis foi sufragado integramente polo Concello. O seu director foi Germán Castro, xornalista que permanece ao fronte desta publicación ata que é proposto para dirixir este xornal no que nestes intres estou a escribir. O nacemento de FerrolAnalisis foi un acontecemento social e cultural naqueles albores da década dos noventa. Pronto entraría Luís Mera a se encargar da revista cun empeño encomiable, con plena dedicación; tanta que deseña un produto a súa imaxe e semellanza no fondo e na forma. A revista  toma corpo de publicación elitista e xa que logo de proxección minoritaria; non se trata dunha revista de entretemento e si dun produto para iniciados recoñecido en certos ámbitos vinculados ao mundo universitario pero sen moito achegamento ao gran público. Como tódalas  cousas, a revista tivo e ten os seus partidarios e os seus detractores, asunto por outro lado, lóxico e natural: uns pensan que é estupenda e outros que se desviou da súa traxectoria iniciática. Quizais ambas  posturas teñan a súa parte de razón e tamén é verdade que non se pode contentar ás dúas opcións por igual. Coa desaparición de Luís Mera ao fronte da revista, remata unha etapa e comeza outra que, loxicamente non poderá ser igual. O pasado día 9 presentouse o número 29 logo dunha traxectoria de vinte e cinco años. Esta foi a revista póstuma do noso amigo: o fin, como digo, dunha etapa, baixo o meu punto de vista, en certos aspectos, certamente proveitosa. Desde agora serán outros, se as circunstancias son propicias, os encargados de manter a continuidade desta publicación, ben sen desviarse moito da liña establecida ou dándolle novos contidos que a acheguen máis á realidade dunha cidade e a súa contorna na que aínda quedan moitas cousas por dicir. Non sei, tal vez poderíase intentar que FerrolAnalisis se abrira máis á cidade e aos seus xornalistas sen renunciar ao espírito crítico e a calidade que a caracterizou ata o de agora, pero iso terán que decidilo os que asuman a responsabilidade de mantela con vida e por suposto os socios do Club de Prensa. Namentres isto acontece, non nos queda máis que congratularnos deste vinte e cinco aniversario  e desexar que o destino sexa propicio para acadar o sustento necesario e seguir camiñando no tempo sen moitos atrancos.

Ferrol Análisis: 25 aniversario

Te puede interesar