DÍAZ CASTRO

Souben de Xosé María Díaz Castro hai moitos anos a través de Xermolos, unha agrupación cultural de Guitiriz, cando Afonso Blanco Torrado fíxome o galano dun libro-homenaxe ao poeta de Guitiriz, como era coñecido o recén galardoado no día das letras galegas deste ano. Entresacada deste fermoso libro, velaquí unha breve reseña da súa vida: Nace no ano 1914 na parroquia dos Vilares de Parga, unha aldea situada a poucos quilómetros de Guitiriz onde lle teñen dedicado un monumento coa súa efixie e unha frase  “...a beleza feriume para sempre”. Fixo os estudos primarios na escola da súa aldea natal onde deu os primeiros pasos como poeta, en palabras súas... “onde empecei a fiar os meus primeiros versos”. Aos 15 anos marchou ao seminario de Mondoñedo onde atopou seu camiño poético segundo as súas propias verbas. Convencido de que aquelo non era o seu sae do seminario no 1936, e dedícase a dar clases como profesor de ensino medio en Vilagarcía de Arousa.No 1946 acada os dous primeiros premios, en Castelán e en Galego, nos Xogos Frorais de Betanzos o que significa para el “un estímulo moi grande”. No 1948, xa licenciado en Filosofía e Letras, marcha a Madrid onde segue a exercer a docencia e traballa como tradutor en diversas editoriais e estamentos do estado por mor dos seus coñecementos da maior parte das linguas europeas. Aínda que o ambiente no que se desenvolve o seu traballo non era o máis axeitado, sempre levei a Galicia comigo. No 1961 a editorial Galaxia publica Nimbos, a súa única obra que sae do prelo, entrando con pleno dereito nas páxinas máis sobranceiras da poesía galega do século pasado. Seguíu a Nimbos un longo silencio aínda que segundo as súas verbas, “nunca me afastei espiritualmente de Galicia”. Unha timidez e unha autocrítica esaxerada non lle permiten publicar cousas que ... “non vexa que teñan a altura suficiente para levalas á imprenta”. De feito, cando coa xubilación volve a súa terra no 1985, é el o primeiro asombrado da admiración que desperta nos rapaces e do respecto que lle gardan os poetas do seu tempo. Aos 76 anos morre no hospital xeral de Lugo e é soterrado no cemiterio de Guitiriz. A xeito de homenaxe, compráceme transcribir aquí as primeiras rimas de “Nascida dun Soño, (tríptico á groria da betanceira)”. Ven aos meus versos como vas á feira / cantando e ríndo ao vento das Mariñas. / ¡ Ven, puño de cereixas, cristaíñas, / entra no meu soneto, betanceira!”.

DÍAZ CASTRO

Te puede interesar