A peste

Apesar destes espetáculos não habituais , os nossos concidadãos tinham dificuldade em compreender o que lhes acontecia. Havia os sentimentos comuns, como a separação ou o medo, mas continuavam a pôr-se em primeiro plano as preocupações pessoais. Ninguém tinha ainda aceitado verdadeiramente a doença. A maior parte era sobretudo sensível ao que perturbava os seus hábitos ou atingia os seus interesses. As pessoas sentiam-se impacientes ou irritadas e isso não são sentimentos que se oponham à peste. A sua primeira reação, por exemplo, foi incriminar as autoridades”.

Estou totalmente convencido tanto de que a lectura destas frases lles traería á cabeza diferentes episodios vividos nos últimos meses, como de que inmediatamente as relacionaron con A peste (1947), a coñecida novela de Albert Camus da que están tomadas. Están ditas no momento en que as autoridades de Orán, para combater eficazmente a peste, deciden illar a cidade, pechala.

Imaxino que terán lido ou escoitado en diferentes medios informativos que, coa aparición da pandemia do Covid-19, esta obra do premio Nobel (1957) franco-arxelino pasou a situarse entre as obras máis vendidas en diferentes países. Tanto é así que a semana pasada fiquei sorprendido de descubrila en lugar destacado, nada menos que nos andeis dun supermercado da coñecida cadea alimentar portuguesa “Pingo Doce”. E merqueina. Trátase, como non, dunha reimpresión aparecida en abril deste ano.

Lina hai moitos anos na tradución española –non son quen de ler literatura en francés– publicada pola editorial arxentina Losada, libro que, sen dúbida, conservo, mais que teño despistado.  E volvina ler, desta volta en portugués. E gustei, con certeza, máis que da vez anterior. Se cadra porque agora, froito da experiencia vivida –que agardo e desexo que non vaia moito máis aló– podo poñerme máis doadamente na pel dos protagonistas da historia. E entendelos mellor, a eles e á propia situación epidémica. Convídoos a lela ou a relela, que seguro que tiran conclusións que os van axudar a superar momentos actuais.

Mais non foi a relectura d’A Peste o que me moveu a escribir estas liñas, senón a entrevista con Miguel Sebastián que publicou El País do domingo pasado. Como non uso Twitter –tampouco ningunha outra plataforma dese estilo–, onde o exministro adoita manifestarse, pouco sabía desas súas intervencións acerca de como as autoridades sanitarias e políticas afrontaron a pandemia. O que máis me chamou a atención foi esta visión do problema: “Estamos siendo pasivos, y hay que ser proactivos. Hay que ir a por el virus, buscarlo, no convivir con él”, porque coincido plenamente con ela. Desde o principio até hoxe –antes de reler A peste e mentres a relía pensaba niso– tiña o convencimento de que había que ter sido máis duro tanto no inicio do confinamento como no da chamada desescalada.

A peste

Te puede interesar