A INVASIÓN DAS TRADICIONS E COSTUMES DE ALÉN DO MAR

|

 A pesares da súa curta historia, que non chega a douscentos cincuenta anos, Estados Unidos é unha nación dunha grande variedade cultural de costumes e tradicións, por mor da abondosa poboación de aluvión recibida ao longo do tempo. Desde a súa creación, o fluxo de inmigrantes de lugares de cerca e lonxe foi constante. Non obstante, como Francia, Gran Bretaña e outros países importantes, foi quen de crear unha conciencia nacional, onde os seus cidadáns coñecen o seu himno e respectan a súa bandeira.  
Desde comezos do século XX a nación americana participou en diferentes conflitos armados en defensa do chamado mundo libre, sufrindo as súas forzas armadas numerosas perdas humanas. Aínda que as nacións europeas lle deben moitas das súas liberdades (lembremos as ameazas de Hitler e Stalin), Estados Unidos tivo logo serios erros estratéxicos, intervindo en conflitos internos ou invadindo países de diversas zonas del mundo, cuxa idiosincrasia moitas veces non coñecía de xeito suficiente.
Desde fai tempo estase a levar a cabo unha crecente invasión dos costumes e tradicións procedentes de Estados Unidos no mundo occidental, comezada coa introdución da súa comida rápida, sendo a xente moza a máis propensa a seguir esta tendencia.
Ultimamente está crecendo o uso abusivo de termos e expresións anglosaxonas, moitas veces por esnobismo, mimetismo ou simple ridiculez, substituíndo a verbas propias máis axeitadas.
Rematou o mes de Novembro. En España, e de xeito especial en Galicia, este mes abunda en festas e tradicións arredor dos vivos e os mortos. Comeza cos Días de Santos e Defuntos, festividades de especial raizame no mundo rural. Por outra banda, a celebración do Magosto significa a festa do lume, das ánimas, das castañas e do viño novo, nos días que van de Santos a San Martíño, tendo lugar ademais a Matanza do Porco, importante costume da economía familiar galega.
Non obstante, a celebración cristiá desta festividade derivou ultimamente na hiperenxebre festa do Samaín, tratando de recobrar de xeito pouco rigoroso unha festividade de orixe celta e que, desta rolda, copiando os costumes ianquis, se reconduciu cara á festividade anglosaxona do Halloween, polo que estamos de novo diante dunha tradición importada de alén os mares.
Celebrouse fai poucas datas a festa do Día de Acción de Gracias, na que o cuarto xoves de Novembro se leva a cabo en Estados Unidos a tradicional cea do pavo recheo. En España está a lograr unha gran difusión estes últimos años a súa derivada comercial e consumista do día seguinte, o coñecido como Venres Negro, realmente unha xornada de rebaixas para as masivas compras do Nadal.
Está a chegar a Noiteboa, unha das festas de maior raizame popular no calendario festivo europeo. O ciclo de Nadal, en pleno cambio do solsticio do inverno, es abondoso en celebracións cristiás e pagás, como residuos de costumes de tempos pasados. Non obstante, a Misa do Galo, a festa dos Santos Inocentes ou o cántico de panxoliñas, tradicións documentadas en toda Europa desde a Idade Media, case non se celebran nos últimos tempos.
No seu lugar a tradicional instalación do Belén en igrexas, vivendas e mesmo nos escaparate dos comercios, foi substituída polo costume do Árbore de Nadal. O mesmo pasou cos Reis Magos de Oriente da tradición mediterránea, que foron substituídos por personaxes chegados das terras frías do Norte, caso de Santa Claus ou Papá Noel.
Están a chegar esas insoportables datas do Nadal, de costumes obrigatorios e de consumo desmedido. Paseando polas rúas da cidade pronto veremos pendurando dos balcóns e ventás das vivendas a Papá Noel, pero tamén e aos Reis Magos e o Neno Xesús, cando os que realmente usan estes medios para entrar sen permiso nos domicilios particulares son certos personaxes chegados doutras latitudes que non son precisamente as nórdicas.

 

A INVASIÓN DAS TRADICIONS E COSTUMES DE ALÉN DO MAR