Insisto uha vez máis, o verdadeiro cabalo de batalla hoxe en día no noso país, en realidade no mundo enteiro, ten que ser sen dúbida a loita contra o Coranavirus, ese demo que vai xa para un ano que nos ten amargados. Todos a unha, non hai mellor maneira de combatelo que respectando as directrices das autoridades sanitarias, tanto na prevención como no seu tratamento. Digo eu que tódolos países, e insisto de novo na necesidade de mentalizarse nilo, porque mentres haxa un só afectado no mundo, dada a súa capacidade de contaxio, o perigo está latente. De que serve que a cousa mellore en España se en Francia, por poñer un exemplo próximo, segue en aumento?. Está ben claro o camiño a seguir por moi duro que sexa. De calquera xeito, o optimismo sempre é bo pero sen esquecer que a erradicación da pandemia ten un longo recorrido para o que se precisa asemade unha boa dose de paciencia. Nestes intres estamos lonxe de ver a pandemia como un mal sono, aínda a pesares da vacina que, por certo, benvida sexa. Parabéns a científicos e sanitarios pola súa dedicación que fixo posible o seu descubrimento nun tempo récord.
Como xa teño dito aquí, a máis importante derivada da pandemia é a súa incidencia na economía. Seica hai moreas de xente no mundo pasando necesidades sen conto, por riba das decisións políticas, moi difíciles de adoitar, só hai unha solución que se chama solidariedade, coa familia, cos achegados e con tanta xente que está a pasar fame.
O resto das eivas que ocupan os xornais estes días, a Monarquía, o Emérito, as Torres de Meirás, os herdeiros do ditador e outras andrómenas son, ao meu xuízo, secundarias. Xa se irán resolvendo pouco a pouco. O tempo, derradeiro xuíz, vai poñendo a cada un no seu lugar, baixo a súa implacábel perspectiva. Deámoslle polo tanto, tempo a ese tempo que fuxe.
Estamos no Nadal, a piques de rematar un annus horribilis. Tempo de evocacións e de recordos dos que xa non están con nós. Tamén de felicitacións a familiares e achegados.
Remato coa esperanza de que o novo ano sexa o do fin da pandemia e elo, dalgún xeito, repítoo unha e mil veces se fai falta, depende de todos nós,. A todos Felices Festas e Próspero 2021.