MIGRACIÓN FORZADA

|

É positivo que os sindicatos, organizacións sociais e partidos, realizaran mobilizacións pedindo un trato humanitario para os refuxiados por parte da Unión Europea. Mais, sería un erro circunscribir a cuestión ao aspecto asistencial,  poñendo o foco en exclusiva naqueles que están ás portas da Unión Europea, ignorando os problemas de fondo: a guerra, a intervención imperialista.
 Só en Siria hai millóns de persoas desprazadas, en campamentos ou casas de coñecidos, que pasan todo tipo de penurias cotiás. Pedir solucións só para os que teñen medios para saír de Siria ou de países veciños, e pagar ás mafias turcas, reduce a cuestión humanitaria ás clases medias, é unha peneira clasista que esquece a maioría social.
Como ignorar o pronunciamento da patronal alemá pedindo a  entrada de inmigrantes para ocupar os 800 mil empregos sen cubrir, e a inmediata decisión de Merkel de abrir as portas aos refuxiados. De seguido, houbo unha resposta das mafias turcas para “aproveitar” o desprazamento dende os campamentos da fronteira.  
Dise que os servizos segredos de USA e o Goberno turco participaron, alentando esta riada para forzar Bruxelas a optar por unha estratexia favorábel aos seus intereses; unha hipótese que semella certa dado o acontecido. Daquela que a conversión dos refuxiados en man de obra barata terminase nun fracaso humanitario, desbordada a previsión de Merkel pola chegada das vítimas das guerras provocadas pola OTAN e os seus aliados na zona (Turquía, Arabia Saudí, Catar, etc.). 
Cómpre axudar as vítimas da guerra. A todas! Non se poden esquecer os millóns de refuxiados nos países limítrofes e os desprazados internos. Tampouco se pode ignorar que todos eles son necesarios para a reconstrución do seu país. Alentar que se marchen os profesionais e a mocidade hipoteca o presente e o  futuro de Siria. 
A solidariedade debe comezar por sinalar os culpábeis da crise, forzar o fin da guerra, dotar os campamentos dos servizos esenciais. Coa paz cómpre axuda internacional para recuperar a economía, as vivendas, as comunicacións, para que Siria deixe atrás os efectos devastadores da guerra. Esa é a solidariedade real.
 

MIGRACIÓN FORZADA