Podemos, territorio indíxena confederado, o 69 menos catro

Houvo na Guerra de Secesión dos EEUU ben raros amartelamentos. Eis que o territorio indíxena, formado maiormente por cherokees, seminoles e creeks, apoiou curiosamente aos Estados Confederados cando estes defendían a escravatura. Sospeitarían estes indíxenas que aquela avanzada Constitución de Lincoln tampouco contemplava o elemento indíxena nativo anque certo é que mellorava as condicións dos pretos inmigrados por forza da Africa?. Tampouco há que esquecer que entre as causas da guerra de secesión norteamericana pesaron moito as limitacións de poder político que tiñan os estados da Unión.
O cenáculo político español tamén xanta unha guerra de secesión e de sucesión. Algo que alporiza moito aos unionistas acérrimos. Tamén agora se fala de Confederados.  Errejón, portavoz de Podemos no Congreso fala de grupo plurinacional de organización confederal e En Marea, que foi tsunamizada polos confederados, (anque ninguén pode dizer que os colleron de sócato e espidos) disponse a abaixar á APP, isto é, agrupación parlamentaria propria, con menos tempos e menos cupo de iniciativas e propostas no congreso. Os confederados chámanse a si mesmos de grupo plurinacional dentro de Podemos. E En Marea, co triunvirato EU-Podemos-ANOVA, que asegundava grupo proprio cando os nacionalistas de Nós non acreditavan, están calados coma petos, nun silenzo sospeitoso moi semellante ao que reina tralos naufraxios. 
Justo Beramendi, douto na historia do nacionalismo, asegura que o nacionalismo galego está hoxe nunha encrucillada moi mala e que Podemos xera un momento controvertido. A formación de AGE provocou no seu día a dilución dunha parte do nacionalismo noutra cousa e o trastallamento da parte que se mantivo estritamente nacionalista, sen pactos con partidos españois, perde a representación no parlamento español. Beramendi fala de dúas faccións, unha moi danada e reduzida, e outra supeditada, queira ou non, a forzas estatais que poderán ser moi progresistas e federalistas, mais non son nacionalistas. Eu duvido xa non de seu progresismo, senón incluso do seu federalismo. 
Finou entón o bipartidismo no cenário político español?.  Ou asistimos a un bipartidismo encuberto en tetrapartidismo PSOE-Podemos / PP-Ciudadanos?. Tralos últimos atos teatrais da primeira sesión de investidura, a renuncia temporeira de Rajoy a presidir e o amartelamento de PSOE e Podemos, fazendo as beiras (co esquecemento silandeiro de Beiras) é lóxico pensar que os presuntos bolivarianos tiñan pouco de forza anticaste e revolucionaria e moito menos federal.
A min Pablo Iglesias lémbrame cada día máis a ese señor que senta nas cadeiras de empresas que nos deixan sen luzes e que nos vendía cambio con sentidiño disfrazado de pana e camisa a cadros naqueles alegres oitenta! Certo que daquela non se admitía a longa cabeleria, nin priscilianista, isto é ceibo, ou recollido en coleta.
A cousa foi que muitos indíxenas apoiaron unha causa confederada que non era a súa e que ía colaborar á súa extinción e á ruina da súa Terra. De feito, a día de hoxe, ainda non chegou ningún pel vermella a presidente dos EEUU e si vemos un preto anque governe como calquera rostro pálido ou faciana esmacelada. Carolina Bescansa ou Alexandra Fernández, por muita batalla de Fort Sumter que dean van rematar en Fort Semter onde Pablo Iglesias Lincoln será nomeado presi ou vice de Pedro Sánchez.
Mais houvo un grupo de indíxenas, somentes catro, que marchou da confederación, Compromís, decidido a luitar por ter grupo proprio. Por qué En Marea non fixo o mesmo? Por que renunciaron a dar a batalla xiquer?. A cousa estava clara até para un miope cando En Marea levava só o nome de Podemos de entre todos os coligados. Cando negociaron de costas a esa presunta organización asamblear cupular sen primarias.
A constitución confederada dos estados americanos invocava o favor de Deus todo-poderoso. Podemos non pode invocalo porque o proprio nome impídello. Será por iso que anda a procurar outros favores na socialdemocracia dos mercados. Perderon só catro de camiño, mais iso xa foi perder dabondo. Tiñan conquerido un número tabú, pois en España ningunha das oralidades está ben vista, nin a do seso nin a do sexo. O sesenta e nove sempre foi unha postura tabú, ás antípodas do misioneiro ou do coitus interruptus, tan louvadas pola doutrina nacionalcatólica. Por iso acadar sesenta e nove deputados era un detalle obsceno e transgresor que cadrava co talante que gosta de espellar Podemos e o seu eleitorado. Ao fin eles descubrironnos a progresía, a modernidade e acolléronnos compasivamente no seu seo. O único problema é que os indíxenas reclamaran de practicar o sesenta e nove en distintas linguas e aí xa o kama sutra non tiña resposta.
E mentres, xa tiñan en mentes as trinta posicións da unión da ars amatoria do mestre Tung-Hsüan. Tralo Encontro teimudo do Pescado con catro ollos andavan a probar a unión do Martiño peixeiro cos Patos mandaríns. Uns preferían O mono que xeme apertando a árvore pero O paxaro rukh remontando sobre do mar arrefriou un algo o desexo e a paixón prometida. Logo provaron O fénix que retén á súa cría até que chegaron á Gaivota en vó. Foi entón cando se deitaron na postura dos dous fénix danzantes e demoraron en Pi-Yung, o salón do exame. E fíxose a luz e desenrolouse a seda e abriron os casulos e produciouse o que tiña a ser a postura primeira, a Unión estreita.
E Galiza será, co territorio confederado, unha formosa reserva indíxena destinada a xerir casinos transnacionais. 
 

Podemos, territorio indíxena confederado, o 69 menos catro

Te puede interesar