Recordarán tu nombre

|

Este é o título dun extenso e documentado libro, que veño de rematar, escrito por Lorenzo Silva Amador (1966). Nel fala o autor duns personaxes tan significados e controvertidos como Manuel Azaña, Casares Quiroga, Lluis Companys e os xenerais Primo de Rivera, Silvestre, Sanjurjo, Berenguer, Queipo de Llano, Pozas, Millán Astray, Núñez de Prado, Godet, Mola, Franco..etc, entre outros moitos protagonistas, dos tráxicos tempos que van dende as sanguentas guerras de África, pasando pola República e a incivil guerra do 36 ata a moi desapiadada posguerra. Con todos eles tivo relación moi directa durante toda a súa vida o personaxe central, leitmotiv, desta tráxica historia. Trátase do xeneral da Garda Civil Excmo. señor Don José Aranguren Roldán (1875), un home de honor que, naqueles tempos revoltos, a pesares de ser conminado baixo ameazas a sumarse ao chamado alzamento. permaneceu leal ao goberno establecido evitando así a entrada en Barcelona dos rebeldes. Esto custoulle a vida recen rematada a contenda. Como di o autor, trátase da historia dun home esquecido por todos. Un home que foi capaz de antepoñer a lealdade e o sentido do deber ás esixencias dos que logo acadarían o poder en España durante moitos anos.
É en Cataluña e principalmente en Barcelona onde se desenrolan os feitos. É curioso que a situación naqueles tempos ten moitas similitudes coa que agora estamos a vivir.
Nun xuízo sumarísimo, disque por rebelión militar!!, é Aranguren condenado a morte, sentencia que se cumpre despois do preceptivo enterado do xeneralísimo. A pesares da petición de clemencia do papa Pio XII a través do seu Nuncio en España, monseñor Gaetano Cicognani, é fusilado as cinco da mañá do 21 de abril de 1939 no Camp da Bota de Barcelona. Como non podía permanecer de pé diante do pelotón de fusilamento debido a unhas feridas producidas por un accidente, teñen que sentalo nunha cadeira, aínda así mantén unha gran dignidade ata o último alento. Súas cinzas repousan hoxe no cemiterio de San Amaro da Coruña a onde foron trasladadas polos seus familiares no ano 1953. Por razóns evidentes dada a data da súa inhumación, seu nome non figura na lápida, na que só se pode ler Familias de Ponte y Aranguren 
O xeneral Don José Aranguren era natural de Ferrol, paisano e coñecido de Franco, o que non foi dabondo para impedir a súa execución e posterior illamento. Penso que, botando man da chamada Memoria Histórica, sería de xustiza reivindicar o seu nome a través dunha homenaxe que o rescate de tan inxusto esquecemento.
PD.- Este é tan só un apunte, necesariamente curto, para o xornal, aínda así quédame a sensación, cuasi culpable, de que faltan moitas cousas por dicir en favor do xeneral Aranguren, por iso recomendo Ea quen estea interesado, a lectura do libro de Lorenzo Silva. 

Recordarán tu nombre