Entre os problemas que ten o Concello de Ferrol, non se atopan os do barrio de Recimil, pois aí, os problemas os teñen os residentes, que levan setenta anos aturando inxustizas e desprezos, por parte dos sucesivos gobernos municipais, con algunha honrosa excepción. Malia todo, aínda quedan algúns antigos veciños teimando por acadar unha solución que recoñeza os seus dereitos e lles devolva a dignidade, que lles foi arrebatada. Eu teño a ilusión de que algún día Recimil sexa un barrio máis na cidade, coa xente e os edificios rehabilitados; sei que iso custaría moitos cartos, mais hai cousas que se poderían facer sen grande custo, como decorar os túneles interiores con debuxos de Disney ou dos antigos TBEO´s, á maneira do que fixeron en Canido coas Meninas. Poderían facelo os nenos da escola, dirixidos por algúns voluntarios entre os moitos pintores ferroláns, como xa se fixera, con notable éxito, nos baixos da Praza de Armas. E como soñar non custa nada, pois iso.