FUTBOLERÍAS

Nos anos cincuenta o Racing e o Deportivo compartían división. Daquela daba xenio ver o Inferniño (Isaac Díaz Pardo sostiña que un “inferniño” é un puterío, cousa pouco doada onde se atopaba o noso campo, espazo desértico ou ermo á hora da construcción do estadio) a rebosar cando se xogaba o “derbi” entre ambos equipos. Logo o Racing iría para Terceira e o Depor, na década dos sesenta, sería equipo “ascensor”. As malas linguas dicían que Carvalho Calero chamaba a este enxeño o rubidoiro, o que me semella mentira podre (ou paverada). Do Inferniño, moito despois, o Racing foi parar á Malata. Estadio espléndido, aínda que sen o engado do Palco das Ánimas ou dos Xastres, un outeiro onde se podían ver os partidos do vello Inferniño de válvula ou clocló.

Ora, sendo a Malata unha marabilla, de estética e funcionalidade, quitando os anos (poucos) nos que o Racing voltou a Segunda, apenas se lle temos tirado proveito. Iso si, os equipos foráneos, máis ben modestos, que por alí van, fican encantados, claro. (Non quero nin pensar que descendamos a Rexional Preferente, que iso sería xa pesadelo ou preada). No interín o Depor quere volver a Primeira, e está facendo unha tempada vertixinosa, viaxando a fume de carozo.

Nós, xa ven, lembrando con saudade aqueles anos cincuenta, cando eramos a mesma cousa. De momento afástanos dúas divisións. Que van ser tres axiña. Deus non queira que sexan catro. ¡Que pena máis grande!

FUTBOLERÍAS

Te puede interesar