DERIVAS

É máis que sabido –aínda o comentaba hai uns días o amigo Castiñeira no noso diario– que a economía somerxida, que de sempre existiu a grande escala, é o que está permitindo que a xente siga comendo e, consecuentemente, termando de que aínda non se teña producido o forte estoupido social que acabará por chegar no caso de que esta situación se siga agudizando e prolongando no tempo. Coas cifras do paro, a conxelación ou diminución de salarios e pensións, o forte incremento dos prezos dos produtos básicos semella case imposible que a xente estea tan calmada.
Mais a paciencia –a non ser a do bíblico Job– non é eterna. E iso é o que lle está pasando, cada día con máis carraxe ó persoal de Navantia. Despois dun lote de reconversións, promesas incumpridas, fogos fatuos, mentiras e máis mentiras desde hai trinta anos –tantos que boa parte do persoal actual só pode coñecelo de oídas– hai un ano que o presidente da Xunta, en vésperas electorais e de captación de voto, anunciou o dos presuntos contratos con Pemex para a construción dos floteis aquí e en Vigo. Aínda estamos agardando.
E non sería outra oportunista e monumental trola? Sempre o pensei e sigo a pensalo, pero moita xente tragou, votou o PP e xa se ve o que hai: fume. Visto o visto, non é de estrañar que os produtores do naval pretendan levar as súas reivindicacións e a denuncia dos enganos sistemáticos a que se ven  sometidos a onde fixer falta.
Tanto mareo da perdiz está levando a analizar a situación en termos de desesperación, por non dicir tamén de pánico. Por iso, non pode chamarnos a atención que os traballadores do naval fixesen acto de presenza no pleno municipal do pasado xoves. Se o señor alcalde, que vai de guai e de ter moito peso político no PP, sempre manifestou a súa disposición para tentar resolver o problema, terá que escoitar unha vez máis as demandas do sector, máxime cando todos eses ofrecementos deberon quedar nunha etérea declaración de intencións. Probablemente, nada debeu facer e, se o fixo, cando menos debería ter dado conta do que en máis altas esferas lle dixeron que había.
A Casa do Concello é a casa de toda a comunidade e, por tanto, un lugar idóneo para expoñer todo tipo de problemáticas. É evidente que cando as afluencias son masivas o diálogo se complica, mais a esta situación, non a primeira nos últimos tempos, chégase pola evasiva dos diferentes gobernos do PP a tratar os problemas en tempo e lugar e sen mentiras nin falsas promesas.
A maiores, o que me parece de moi baixo nivel político é o que manifestou o señor alcalde de que ía dar conta do sucedido á subdelegación do goberno.
Este tipo de actuacións, que están sendo moi habituais aquí e acolá, é obvio, que teñen como obxectivo meterlle o medo no corpo á xente. É unha medida represiva, que deixa ben ás claras a xente coa que nos xogamos os cartos, en realidade, coa que xoga cos nosos cartos. Eses camiños sempre acaban sendo perigosos. Non se lle poden pór portas ó mar. Nin prohibir a sede.

 

DERIVAS

Te puede interesar