Canción galega e letras galegas

Hai tempo que non collía a guitarra en públlico e ocurriu o venres porque unha asociación cultural me invitou a impartir unha palestra na  que  relatara a miña experiencia dentro do contexto da canción e as letras galegas, pero non lles vou falar disto e si aproveitar para incidir noutro tema que dalgunha maneira encaixa no contexto da cousa cultural.
Corren, meus amigos, malos tempos para a cultura por iso resulta interesante comprobar o nacemento dunha asociación cultural na miña vila que aposte decididamente polo activismo neste senso. Nacen co nome de Asociación Apelón Educación porque a meirande parte dos seus compoñentes fixeron grupo nunha plataforma que defendía a instalación dunha biblioteca  nun edificio que outrora fora escola no lugar de Apelón, practicamente no centro da Vila. As autoridades competentes decidiron que alí se instale o posto da Garda Civil.  
Hai quen cre que esta asociación nace, ao abeiro daquel movemento cívico co gallo de amolar ao goberno municipal. Eu sinceramente non o creo e penso así porque coñezo á maioría dos implicados nesta aventura e vexo que neles prevalece o interese de dinamizar as actividades culturais na vila. E isto debera ser unha moi boa noticia para todos: que unha asociación sen ánimo de lucro faga activismo cultural.  Eu que estou fora das absurdas intrigas e escuros contubernios dirixidos a derrocar ou a poñer cargas de profundidade na liña de flotación de calquera goberno de quenda, aposto decididamente polo entendemento, pola colaboración e polo diálogo. É a única maneira de levar calquera proxecto cultural adiante; é beneficioso para ámbas as dúas partes, para os que gobernan e para os que fan propostas a prol da educación.  Camiñar xuntos non  significa andar revoltos.
No terceiro tempo do acto do venres namentres degustabamos cun grupo de profesores e amigos, uns saborosos petiscos ( á altura dos mellores catering)  feitos, por certo, polas mans dos organizadores, falamos do ben que estaría que a vila dispuxese dun pequeno Centro Cívico onde abeirar actos así . Soñar, amigos, non custa nada. Eu manifestei que, nunha xira que hai anos fixen por Galicia levando un proxecto que se chamaba “Música para os Poetas”, visitei unha morea de localidades e todas dispuñan dun pequeno foro, dun Centro axeitado para que alí confluíran todo tipo de actividades culturais , e sentín de certo unha tremenda envexa porque na miña vila non tíñamos un espazo así.  Non teño dúbida que o teremos e cando así sexa espero que non estea pechado coma o “Centro de Interpretación de Cadoval” que leva tempo listo e, que eu saiba, non hai data para poñelo en marcha. Si, amigos, as cousas de pazo van... demasiado amodo. Sempre foi así.
Malia a todo eu son optimista e estou convencido que  todos estes proxectos irán cara adiante. 
Polo momento, felicitar e animar á Asociación Apelón Educación a seguir traballando activamente a prol da cultura.
 

Canción galega e letras galegas

Te puede interesar