Unha banca pública?

Os seis maiores bancos do Estado español non tributaron ren durante a crise. Ou sexa, nun período no que millóns de persoas foron ao paro, comezaron a baixar os salarios e pensións, e se recortaron servizos e prestacións públicas. Como contrapartida, a banca gañou 84 mil millóns de euros e máis de 60 mil millóns saíron das arcas públicas para salvar as entidades crediticias con problemas. Algo que aínda que se pretenda xustificar, é un trato de favor aos sectores máis concentrados do capital, a costa da maioría. Un aumento da explotación que se mantén malia que a crise se dea por superada, en termos macro-económicos, e os beneficios empresariais sexan máis altos que nunca. 
Os medios que daban a noticia dos beneficios extras da banca destacaban que mesmo obtiveron unha devolución no imposto de sociedades de 164 millóns de euros, durante a ultima década. Malia que os gaños e devolucións son moi distintos segundo a entidade, resulta evidente que como actividade empresarial, a banca é un gran negocio, mesmo en época de crise.
Agora ben, tampouco se pode ignorar, porque ten unha incidencia directa nos ingresos dunha boa parte da sociedade, que na práctica, a banca non paga xuros polos depósitos, dado que o BCE emite moeda a esgalla e cédella ás entidades a un custo de case cero. Mais os xuros multiplícanse cando  que o pide é un cliente, sexa para a empresa ou o consumo. Por se non abondase, aumentaron as custos polos servizos que prestan as entidades crediticias. Ou sexa, por unha banda prémese para que os/as aforradores invistan seus cartos na Bolsa, na actividade especulativa, e pola outra, os bancos teñen o privilexio de recibir préstamos a custo mínimo para obter beneficios seguros dos investimentos en débeda pública, das hipotecas e dos créditos ás empresas. Hai que ser moi ilusos para non se decatar de que se trata dun mecanismo que transfire todo o poder ao capital privado.
A esta altura, a pregunta que nos temos que facer todos e todas é: non sería necesaria a nacionalización do sector bancario e dos seguros? Se así fose, poderíase garantir que os aforros estarían asegurados, algo que a práctica demostrou non sucede na banca privada. 
Ademais, evitaríanse os xuros especulativos para os consumidores e as pequenas e medianas empresas, e os privilexios que neste aspecto gozan as corporacións e grandes fortunas. E por último, restaría sustento a actividades que fomentan a especulación na Bolsa e a fraude fiscal, condicionando negativamente a economía real.

Unha banca pública?

Te puede interesar