MAGOS, NON SÓ DE ORIENTE

Soberbios,
os que toman a broma
asuntos serios.
As paisaxes fermosas e os momentos felices non caben nun fotograma. Eu sempre gravo na mente e transporto no veleiro do meu corazón. Este ano que acaba de rematar é un ano que a maioría dos españois queremos esquecer. Ano de desventuras para millóns de cidadáns.
Adeus 2014. Non botaremos de menos os 365 funestos días.
Este país quere saír adiante, e sairá, tan pronto desaparezan da vida política mediocres persoeiros, corruptos cumpulsivos que só viven para eles e para as mafias que trasforman fértiles vales en desertos. Eles teñen maravillosos oasis nos que gorecerse e gozar. O pobo só contamos á hora de depositar nas urnas o noso voto. Terémolo en conta na primeira ocasión.
Ogallá saibamos escoller o camiño. Di o refrán que todos levan a Roma, pero, e se non queremos ir a Roma?
Sei que hoxe non terei ningún agasallo. En primeiro lugar é lóxico xa que non mandei carta aos Reis Magos. Máis lóxico é que, sen ser malo ruín, tampouco fun bo coma un santo. Farei propósito de emenda como farán moitos políticos dos que non teñen a conciencia tranquila.
Anque eu, e vostedes queridos lectores, témola ben sosegada .
Cando eu neno comecei a mosquearme cos Reis Magos a raíz daquel cabaliño de cartón que aos poucos días desaparecerá e volveu aparecer ao seguinte ano pintado con outra cor. Eu pensara que viñeran por el porque aqueles días, abofé, portárame mal. Decateime máis tarde que non fora por eso, senón pola crise. Esa maldita crise, que coma a gripe na damos eliminada.
Dende aquela non me simpatizaron nin os reis, nin os magos, agás aqueles que sacan cousas inconcibibles da chistera e os que transforman príncipes e princesas en ras.
Para nada me encantan eses que de vez en cando pasan por Ferrol prometendo o ouro do mouro, barcos, fábricas, progreso.
Só vento, fume, mentiras ao remate da cita. Políticos casposos, mediocres, que teñen por costume mentir. Políticos que non son capaces de desapegar a cadeira que levan no cu dende fai varios lustros.
Perdónenme os magos de profesión, que nada teñen que ver coa política. Xente honrada que coas súas marabillosas demostracións fannos esquecer difíciles momentos que según don Mariano e a súa orquestra pronto irán a fáciles, xa que eles dentro da súa tan dura vida comezan a notar importante alivio.
Xa se me esquecía. Perdónenme tamén aqueles magos (millóns) que cun salario ou retiro de miseria son capaces, daquela maneira, de sacar adiante unha familia. Aqueles que teñen o seu posto de traballo pendente dun ERE. Aqueles que tiveron que irse vivir cos pais. Aqueles que están morrendo por falta de medicinas. Aqueles , aquelas…
Eses políticos dos que falo co cu pegado á cadeira de brazos, andan agora que trilan, chían e rechouchían. Están cagados (perdonen a expresión). Teñen medo de perder a condición de magos políticos. De perder as condicións sociais e económicas. Os privilexios que por norma ou lei  erguéronnos por enriba das ilusións e as convertiu en realidade por moitos anos.
Esa realidade que os elevou, senón aos altares, si ao poder. Autoridades públicas. Privilexios.
Barra libre en moitos casos. Contrato de traballo fixo. Debe ser moi duro (pensarán) vivir como moitos millóns de españois coa espada de Damocles riba de cabeza día e noite e aférranse ao poder con unllas e dentes.
Seino amigo Sidre. Non son só os políticos, pero eles foron elexidos polo pobo para velar polos intereses de todos e deberan ser os primeiros en dar exemplo.
Sei tamén que non todos os políticos son canallas. Hainos honestos a carta cabal, intelixentes e activos que baixan á area, a rúa, que dan a cara. Pero é que nestes últimos anos saíunos unha variada epidemia de corruptos e corruptores que vai custar erradicar. A ver se nas novas eleccións.
Semella que a moitos e a moitas ándalles o lume no rabo. Semella que quere haber novas voces, voces novas e novo xeito de facer política. Semella que ao bipartidismo puidera sairlles un grano entre as nalgas. Semella que a maioría do pobo cansou de mentiras e parvadas.
Semella que as novas xeracións, a xente moza, non eran tan pasota como pensabamos. Semella día de Reis; a moitos e moitas só nos traerán carbón. A min das Pontes, a poder-ser.
 Todas e todos teñan Feliz e Próspero 2015.

MAGOS, NON SÓ DE ORIENTE

Te puede interesar