CONSECUENCIAS NO PSDEG

Unha interpretación en clave galega do sucedido en Sevilla non proxecta máis ca sombras. Se a solución Rubalcaba é a máis acaída para un PSOE en busca da identidade perdida, como subscribin no meu comentario dominical, é máis ca dubitoso que tamén o sexa para un PSdeG que amosa tódalas taras de quen sobrevive en estado líquido, inconsistente, sen por iso posuír a autoridade moral coa que concitar a adhesión en Galicia dunha maioría social. Da estratexia recentralizadora exposta polo novo líder, máis desinhibido ca nunca ao respecto, deducimos unha moi escasa predisposición a materializar en e desde Ferraz o que non é senón a adecuación entre os principios –a autoubicación federal da organización socialista– e o Estado plural no que nos identificamos. Ese que demanda o que Carmen Chacón explicitou como acentos diferenciadores. Prescindindo deles, poderá Rubalcaba levar en procesión o pendón patriótico que parece querer disputarlle a Rajoy, pero a costa de adulterar o modelo constitucional que nos demos e de empobrecer o discurso político.

Rubalcaba premiou a Pachi e Caballero, representantes do provincianismo e do municipalismo máis segregador, que lle deran respaldo público

 

Eis a razón pola que o sector máis galeguista do PSdeG, con personalidades de peso político e de pensamento, como é o caso do ex ministro Francisco Caamaño ou o do ex portavoz parlamentario Xoaquín Fernández Leiceaga, apoiaron a alternativa que encabezou a ex ministra de orixe catalá. Eran sabedores do que se xogaban, conscientes do lastre que o xacobinismo que aniñou e aniña no PSOE supuxera para o desenvolvemento de proxectos políticos territorializados. O daqueles que, en gañando as eleccións e con Felipe González na Moncloa, foran recibidos como os “xoves nacionalistas españois” pola prensa norteamericana. Rubalcaba, entre eles. A aposta por Chacón, malia relativizar algúns deles a súa capacidade para liderar no partido un tempo de tensa transición como este, tiña nese negativo referente a súa explicación.

Calquera opción de alternativa a Pachi Vázquez, e a canto está dando como organización e como estratexia política nun calco do tempo en que Paco Vázquez as lideraba e impoñía, tería que vir ligada ao triunfo da Chacón no congreso federal de Sevilla. Non foi asi. E é por iso que se atopan nunha encrucillada de decisións. Rubalcaba desdeñou aos chaconistas e premiou aos que, como o propio Pachi e Abel Caballero, representantes natos do provincianismo e do municipalismo máis segregador, lle deran respaldo público.

Esa alternativa estaba máis decidida e tiña máis posibilidades de éxito antes do congreso sevillano que agora. Non é o mesmo contar para o congreso galego de marzo co aparato de Ferraz que telo en contra. Aínda que, se a elección de delegados se correspondese coas preferencias amosadas en Sevilla, todo podería suceder. Empezando porque Caamaño decida encabezar a candidatura que, de ter éxito, máis facilitaría a confluencia co Bloque –sempre que os nacionalistas non se rompan– para disputarlle a Feijóo no outono a presidencia do país.

 

CONSECUENCIAS NO PSDEG

Te puede interesar