Greta

Xurde como da nada, así subitamete, coa súa faciana de circunstancias, chorosa, recriminando aos mandatarios do mundo o seu desleixo diante do pouco, do case nada, que se está a facer para frear os efectos dun cambio climático provocado pola acción do ser humano sobre a natureza. Pregunto: ¿son tan ineptas as autoridades que é necesario recorrer a unha adolescente, a unha nena de dezaseis anos ( a min paréceme que ten menos) para espertar as conciencias dunha humanidade atordada? Pois semella que si. Pero ¿quen está detras de Greta? ¿ quen manexa os fíos desta activista prematura?

Vir nun catamarán a vela a través do Atlántico porque o avión contamina moito, non é máis que un postureo mediático que a ben pouco conduce porque contaminar, o que se di contaminar, case contamina todo, querida Greta. Contamina a fabricación da roupa que vistes, a do papel no que escribes, a calefacción coa que te acubillas na casa, a electricidade que produce a luz coa que te alumeas e move eses coches que agora tanto se están a promocionar, os barcos que navegan pola mar océana, os trens que circulan dun lado a outro e así un interminable etc. Ninguén dubida de que algo haberá que facer para mitigar esta brutal agresión, pero tamén pensar que o mesmo é o alto prezo que temos que pagar para desfrutar de certas comodidades que xa forman parte do noso modus vivendi desenvolvido entre o bluetooth e a wifi, as comunicacións ultrarápidas telefónicas , aereas e terrestres. Todo en menor ou maior medida contamina e colabora en acortar a vida do noso planeta que, por si non nos decatamos aínda, ten caducidade. A xente do común pouco ou nada pode facer mentres os grandes oligoplios teñan a sarten polo mango, mentres os multi-multi millonarios manden sobre os políticos e dicten as súas normas, mentres non tomemos conciencia de que só temos este sitio para vivir e que coidalo é responsabilidade de todos.

Algúns podemos poñérmonos a reflexonar sobre estas cousas mentres os negacionistas proclaman ¡a vivir que son dous días! sen pensar que a cousa pode quedar reducida a día e medio no mellor dos casos. Pero preocúpame que teña que ser Greta, que debera estar no instituto, a que enarbole a bandeira na defensa do planeta, que esperte máis atención que as advertencias dunha morea de científicos que levan predicando no deserto avisando do problema dende hai tempo. 

¿E o resultado da Cumbre de Madrid?. Un engano manifesto, unha tomadura de pelo máis.  ¡Menos mal que nos queda Greta!

Greta

Te puede interesar