As pensións como revulsivo

Por que o Goberno decidiu incrementar só aquelas pensións máis baixas, cando alargar este aumento (entre o 2-3%), a todo o colectivo representaría unha cantidade asumíbel? Non foi unha decisión sustentada nas necesidades orzamentarias, nen no electoral. Houbo outros motivos. E estes, son tamén ideolóxicos, de proxecto de sociedade. Trátase de forzar a que as persoas con ingresos máis altos se vexan forzadas a contratar fondos privados, en beneficio do capital. Reforza esta valoración o feito de que, pola contra, se fose tan xeneroso no aumento en defensa, e nos salarios das forzas de seguridade.  Tampouco se pode obviar que se manteñen subvencións e tarifas planas. Algo que supón unha transferencia de recursos a empresas e autónomos a cargo da Seguridade Social. 
As mobilizacións dos/as pensionistas non se van deter con estas medidas raquíticas e ofensivas, que afondan o deterioro económico do colectivo. Manteranse porque é necesario e xusto, e porque nas mobilizacións está a participar unha xeración curtida na pelexa contra a ditadura. Non é polo tanto casual que a presión na rúa se manteña, e que a visión que se está a ter da problemática sexa máis completa. Concretamente, vinculando as pensións coas condicións laborais da clase traballadora activa, coa fraude tan estendida en horas extras, polas que non se paga nen cotiza, na rebaixa dos salarios como consecuencia da reforma laboral, que desvalorizou a negociación colectiva en beneficio da patronal, coa represión e xudicializacion das folgas, etc. A loita a prol da dignificación das pensións é un conflito que enlaza directamente coas condicións de traballo, e que marca como albo a precariedade e desigualdade, producidas polo medre do desmesurado lucro empresarial e un capitalismo senil. 
Existe unha inmensa fragmentación das loitas laborais, que se deben unificar para conseguir reverter os retrocesos, e de novo avanzar. No seu día este papel xogárono as grandes empresas do metal, agora pode cumprilo a mobilización a prol das pensións. Como exemplo, a CIG convoca para o 15 de abril manifestacións en 23 cidades e vilas do país, coas pensións como punto central, porén ligado á demanda de emprego e salarios dignos. E remarca que hai que manter a protesta o vindeiro 1º de Maio, levar estes problemas ás fábricas, e camiñar cara unha folga xeral. Haberá que ver os ritmos, mais ser locomotora social e política non é cuestión de idade, nen de xénero, nen de raza.

As pensións como revulsivo

Te puede interesar