ONDE VAS, TOLO?

Onde van todos”, sería a resposta á pregunta formulada a través do título, refrán de sona co que hoxe iniciamos o noso artigo. As Festas de Ferrol 2013, ás que habería que engadir, se cadra, “de Verán”, e que serán, pois, o motivo del. Vaia por diante que nada temos en contra destas celebracións estivais. Pero haberán de recoñecer connosco que son unhas festas de ben pouco empaque, por non dicir un bocado eslamiadas. E temos para nós que mesmo gardan un algo de artificioso, xa de vello, se de vello é a expresión que mellor lles poida acaer. A historia das propias festas habería que remontala ao empeño do noso doméstico marqués de Amboaxe, quen, tras a prematura morte do seu primoxénito, decidiu que un terzo da súa fortuna debería destinarse a beneficiar os mozos de Ferrol e comarca, para así non ter que cumprir co durísimo servizo militar nas guerras coloniais. Logo, en 1895, e con motivo da conmemoración de S. Ramón, o seu santo, fundouse a sociedade “Gratitude ao Marqués de Amboaxe” para celebrar todos os anos unha misa e festas na súa honra. Os actos inclúen unha procesión que sae de S. Xulián até a praza do mesmo nome para depositar unha coroa de flores e celebrar os famosos fogos de artificio, que aínda hoxe son o broche final das festas.
Nunca as Festas de S. Ramón, pese a todo, foron quen de rivalizar con outras de entidades poboacionais semellantes, nin sequera atinxir a mínima sona das que teñen renome desde hai ben tempo (a Peregrina, as de María Pita, o S. Froilán, o S. Martiño, etc.), alén de contaren de sempre con boas actuacións musicais, ou outro tipo de eventos, cun especial interese tanto para propios como alleos, con xente disposta a facer até unha boa tirada de quilómetros para velos. Haberá quen nos diga, certamente, que non é cuestión de ter que rivalizar con ninguén, e até estaremos de acordo niso. Mais non é menos certo tampouco que outras vilas e mesmo parroquias e concellos do rural (Pontedeume, Betanzos, as Pontes, Ares, Somozas, Cedeira, etc.) gozan de máis atractivo e maior capacidade de convocatoria, mesmo para seren incluídas na categoría de festas de interese turístico.
Se as nosas celebracións máis emblemáticas, a romaría de Chamorro e as patronais de S. Xulián, son infelizmente eclipsadas pola Semana Santa e o Nadal, é de xustiza que as chamadas festas de verán teñan que ser o suficientemente sedutoras como para que a xente de Ferrol e comarca non se retraia á hora de acudir a elas. Non é gratificante pasear polo medio das atraccións de feira colocadas no peirao de Curuxeiras o domingo á tardiña e ver que hai máis empregados e música estridente que xente participando do ocio que alí se ofrece. Mais non é menos gratificante ver uns minutos antes como a feira gastronómica “Mirando ao mar”, da praza da Constitución, está practicamente baleira.
Resulta difícil entender que un espectáculo, sucedáneo de grupos pop dos 80, se converta en pouco menos que no maior reclamo das festas de Amboaxe. Cantantes e músicos, hoxe no seu ocaso, que veñen facernos revivir vellos tempos (“Un día cualquiera”) grazas ao patrocinio da CocaCola e ao bon facer do grupo local Padel Rock como acompañante. Ou que a show woman, metida a realities, Alaska, veña como parte dese estrelato vindo a menos, tamén patrocinado pola CocaCola. Uns e outra que acaban facendo boa (en máis digno espectáculo se cadra) á verbeneira orquestra Panorama, que para pouco máis dá o noso eslamiado cartel das festas do verán. Por certo que o cacarexado Electrolatino Official Fest, Juan Magán, ofrécese gratuitamente nas festas de Taboadela, Ourense, hoxe 29, con Kiko Rivera, mañá 30, e dezaoito pinchadiscos galegos, neerlandeses e alemáns, pasadomañá.
Cómpre recoñecer a fada do noso Ferrol en asunto de festas. A colosal nora que non dá chegado, a ausencia de lugares apropiados para instalación de atraccións, sobre todo para actuacións musicais de certa magnitude (como o Coliseum, Castrelos ou o Monte do Gozo), leva decote a unha sorte de improvisación que nos fai recear, tal é o caso, p.e., da explanada do Sánchez Aguilera e os subsecuentes problemas de ancoraxe do escenario do día 23. Coincidirán igualmente connosco en que a dispersión de actividades, lonxe de favorecer á animación da xente, está a ter o efecto contrario. O bon ambiente agardado de cando hai festexos, coa lóxica continuidade na semana que duran, tórnase nun intermitente fluír de xentes, salvo momentos punta concretos en que parece haxa algo que celebrar. Fáltanos a orixinalidade e o señorío doutras cidades, pero nin “avilanarnos” sabemos, pois tamén hai quen nos gañe niso. Damos por boa a iniciativa da marcha da Batalla de Brión, e até do Rallye de Ferrol e a cuña do Pantin Classic (CocaCola mediante) se nos apuran, como eventos singulares. Pero infelizmente, todo sabe a pouco neste S. Ramón, en que a dignidade dos fogos de Amboaxe vén ser o mellor reclamo de todas as festas, á vez que sumidas nun desorientado “onde vas tolo...?”.

 

ONDE VAS, TOLO?

Te puede interesar