SETE ANOS

Éo tempo transcorrido sen que o Goberno socialista de España asinase nin un só contrato para cubrir a carga de traballo dos estaleiros en Ferrol. O mesmo tempo que leva paralizado o acceso ferroviario ao seu porto exterior, verdadeiro motor do futuro do emprego na bisbarra. Agora, lles veñen as presas aos preocupados sindicatos de clase que conforman o seu comité de empresa.

Sen dúbida ningunha, ao presidente Rajoy correspóndelle a responsabilidade de solucionar esta cuestión. Pero parece evidente que debemos diferenciar entre “culpa” e “obriga”. A culpa tamén é dos que agora se manifestan, porque co seu voto mantiveron a un goberno que non actuou; a obriga é dos que gañaron as eleccións e, precisamente por iso, teñen que dar solucións.

A culpa é dos que agora se manifestan, porque co seu voto mantiveron a un goberno que non actuou

 

Tamén sete anos foi o tempo que pasou sen que o anterior xefe do Executivo visitase a nosa comunidade autónoma, ano Xacobeo incluído, e á esquerda galega, ou mellor dito, ao que queda dela, parece que o dato lle pasou inadvertido. Oitenta e catro meses pasaron sen contratar a obra do parador de Muxía, e agora o seu alcalde socialista ten o atrevemento de reclamar a súa inmediata construción e, ademáis, o fai nunha rolda de prensa acompañado por un dos exministros de Zapatero; é dicir, con un dos que non actuou. Sinceiramente, a Caamaño tíñao como unha persoa máis seria, pero xa vexo que a “mediocridade zapateril” se contaxia máis ca gripe A.

Catorce semestres pasaron sen executar os tramos galegos do AVE, e Pachi Vázquez fala de Blanco como o mellor ministro da historia de España. Nesta situación o BNG di que a reunión de Feijóo con Rajoy se podería ter evitado, esquecéndose de que a formación nacionalista apoiou hai ben pouco cos seus votos diferentes orzamentos xerais do Estado, os cales non foron executados neses 2.555 días.

En fin, a solución para a esquerda galega non é outra que apoiar unha folga xeral para o día 29. Supoño que é unha operación de maquillaxe de cara á opinión pública coa finalidade de ocultar as súas fortes contradicións internas, tanto as ideolóxicas como as persoais.

SETE ANOS

Te puede interesar