Melloras

|

Normalmente cremos a pés xuntiñas as malas noticias que recibimos e somos máis remisos a crer as boas. No ámbito político esta reacción adquire a súa máxima expresión. Nos últimos cinco meses os indicadores oficiais do desemprego en España indícannos que o paro baixou e aumentaron as cotizacións á Seguridade Social. E son datos dos mesmos organismos públicos que un ano antes nos dicían todo o contrario. Neste último ano España aumentou as exportacións. É dicir, as nosas empresas venden máis ao estranxeiro ca nunca. A maiores, esta semana a prima de risco española situouse por primeira vez por debaixo da de Italia. Xa non se fala de “rescate” de España. Iso significa que pagaremos menos intereses polo diñeiro que lle prestaron ao Estado e iso permitiralle ao Goberno dedicalo a cubrir outros servizos públicos. Non creo que o próximo Nadal sexa necesaria a eliminación da paga extraordinaria aos funcionarios. Xa dixen noutros artigos, e hoxe repítome, que non me cansarei de recordar que toda a miseria herdada polo Goberno do PP foi como consecuencia das desastrosas políticas económicas e de xestión do Partido Socialista, axudado orzamentariamente por IU, ERC ou BNG. Pero se a situación económica nacional mellora lixeiramente, outro tanto pódese dicir da xestión municipal do PP na cidade de Ferrol. Vexo unha cidade chea de papeleiras e novos colectores, xa non hai desculpas, o que tire algo ao chan faino porque é un porco ibérico. Vexo a maioría dos viais pintados e sinalizados coma nunca anteriormente. Observo que diminuíu o número de fochas, se ben aínda queda traballo por facer. Rematáronse obras necesarias como a Praza do Callao, a demolición do edificio do Bambú Club, o histórico tapón da rúa Máximo Ramos ou a urbanización da rúa Atocha. Iniciáronse as obras da nova e verde Praza de España, o peche do Parque Raíña Sofía e a rúa Ignacio Martell. Adxudicáronse os proxectos, cuxa execución veremos no ano 2014, da totalidade da rúa do Sol, cun novo pavimento de formigón impreso; prazas de Sartaña e Río do Tronco; novo Cantón de Molíns e a adecuación dos xardíns de San Francisco que inclúe a rehabilitación interior do edificio da Cuesta de Mella. A esquerda mentres tanto continúa de festa coas súas “manifas”; non axudan, nin a Rajoy nin a Rey.

Melloras