Foco sobre rural e pobreza

|

Na cosmovisión do mundo antigo, o fenómeno astral do aliñamento de tres ou máis planetas sempre se percibiu como sinal de alerta, co temor ás cousas descoñecidas, tratado cun certo xeito de código hermenéutico de non fácil tradución. Por iso, varios feitos, decisións políticas, movementos sociais, estudos demográficos e de incidencia da pobreza, xornadas de reflexión e máis cousas, poñen de relevo a situación gravosa do rural galego que está a lanzar un berro de alarma sobre o seu futuro, tan escuro na súa perspectiva como necesario para equilibrar non só o territorio senón que a imprescindíbel actuación no freo ao quentamento global do mundo que vai gravitar na súa única posibilidade de supervivencia sobre o ecosistema do medio natural e a continuidade da diversidade biolóxica que só pode darse neste espazo ambiental.

Velaí a proclama de rebaixas fiscais que oferta, para o mundo rural, o goberno galego coa teórica finalidade de “favorecer o ancoraxe das e dos galegos nas zonas rurais, incluída vantaxes para comprar vivenda nas parroquias menos poboadas” do país; ben é certo que son medidas de ton formalista inchadas pola circunstancia dun tempo no que están á vista varios procesos electorais. Contraponse á mobilización dunha manchea de organizacións, entidades e colectivos que se manifestan por “un monte galego con futuro” porque “no actual contexto de mudanza climática o papel dos ecosistemas forestais vai resultar chave para mitigar os efectos do quecemento global, mais, non só como reserva de carbono, tamén como fornecedores de servizos dos ecosistemas, como mantemento da diversidade biolóxica, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do solo, a capacidade de purificación auga e do ar, a loita contra a erosión” e aínda outras achegas máis. Para iso é necesario retirar a proposta actual, e revisar de fondo, o Plan Forestal de Galiza, de xeito que atenda a realidade do monte galego na súa función de asegurar a diversidade de especies e hábitats, a funcionalidade múltiple de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos ecosistemas naturais e a titularidade publica dos montes comunais. 

Ámbito territorial que se mostra na súa debilidade de supervivencia económica e das rendas familiares polas que perde atracción e interese, á vista do datos difundidos cando celebramos o día internacional para a erradicación da pobreza, situación que afecta a cuarta parte da poboación galega especialmente cebada co mundo rural. 

Foco sobre rural e pobreza