Reforma tributaria

Mentres que Montoro mantén na opacidade as características da súa reforma fiscal, organismos internacionais e especialistas, seareiros da globalización, piden que esta permita unha nova deflación social, que substitúa a unha devaluación monetaria (imposíbel no marco do euro) e faga mais “competitiva” a economía. Entre as medidas que propoñen está a de rebaixar as cotizacións sociais que consideran unha tributación, cando en realidade trátase dun custo salarial.
En poucas palabras que se pretende reducir os salarios, neste caso aqueles que o traballador ou traballadora cobra en diferido, en forma de pensións, seguro de desemprego, etc.
A proposta ten a súa trampa e pode enganar a quen pense exclusivamente no presente. A primeira vista, os asalariados e asalariadas gañarían uns poucos euros máis ao mes, e no caso da patronal triplicaríase este beneficio, favorecendo aparentemente o consumo, e sobre todo o excedente empresarial, o lucro.
Mais, como as cotizacións sociais son un sistema solidario interxeneracional, afectaría ás pensións e prestacións actuais e futuras que, ou ben se reducen en contía, ou se pagan con novos impostos, por exemplo: indirectos. Estes atinxirían ao conxunto da poboación, especialmente aos sectores con menos ingresos, que son os que dedican maior porcentaxe ao consumo.
En poucas palabras, a reforma fiscal que se propón, por unha ou outra vía, tanto directa como indirectamente, quita cartos do peto da clase traballadora para llos dar aos máis ricos e poderosos.
Cómpre facer unha reforma tributaria, que podería incluír unha rebaixa das cotizacións sociais, sempre que esta se compense cun aumento da presión fiscal sobre o patrimonio, o excedente empresarial e os grandes ingresos das persoas físicas. Ou sexa, é necesario e urxente redistribuír os custos da crise, evitando a explotación laboral e a pobreza social, recuperando o consumo e o emprego.
De pouco serve equilibrar a balanza comercial externa se é a costa de afundir o consumo interno, precarizar as relacións laborais, e desertizar os territorios periféricos. O Goberno non debe seguir alentando as diferenzas sociais e entre nacionalidades.

Reforma tributaria

Te puede interesar