FRAGA NA HISTORIA

|

Que a terra lle sexa leve. É o desexo de calquera ben nacido cando morre algún coñecido. Nesta ocasión, Manuel Fraga Iribarne. Non serei eu unha escepción, malia non contarme entre a cohorte de forzados e forzosos admiradores, como el ben sabía. Como quera que a inocencia non foi, como tantas outras virtudes ligadas á bonhomía, unha das súas características persoais, é de supoñer que marchou para a outra vida poñendo á maior parte deles en prevención. Polo demais, non estou seguro de que se sentise cómodo co retrato que desde a tarde/noite do domingo fan del todos cantos, por obriga ou por devoción, se esforzan en recrear nos medios de comunicación a súa figura tan en contradición coa do xenio que sempre quixo ser. Empeñándose en desactivar a imaxe repoluda, febril e un tanto desalmada, do ‘león de Vilalba’ que tantos sufriron nas súas carnes, non fan outra cousa que amoecela revelándoa en auga bendita.

A historia, non me cabe a menor dúbida, resultaralle pesada. Por máis que ese canto coral e haxiográfico de exequias o queira deixar en penumbra, por aquelo de non facer visibles as saharianas e as insignias da cruzada franquista, nada impedirá cos anos unha reescritura da súa camaleónica biografía política. Estou seguro que, de ter acceso a ela, quedará satisfeito o seu inconmensurable ego. Porque se de algo se ufanou sempre é de ser un superador de marcas. Un avispado psicólogo político tería nesta súa tendencia un indicador co que profundar na gnoseoloxía do autoritarismo e o sentimento de superioridade. Nunca soportou as vidas lineais, como moi ben saben cantos o serviron con mansedume no partido e nos case dezaseis anos á fronte da Xunta. As súas desmesuras domésticas, alén das que amosou na ininterrumpida e obsesiva búsqueda do poder polo poder, acabaron en inxustas humillacións case sempre.

Dicir de Fraga Iribarne, como acuñou Feijóo para xustificar tres días de loito oficial, que é ‘o pai político da Galicia moderna e da Galicia do benestar’ non pasa de ser tamén a maior das desmesuras haxiográficas. Parecida a aqueloutra coa que o socialista José Blanco o despedía tras pasar polo velorio, porque se algo fixo en dezaseis anos co autogoberno foi mantelo en stand by, desactivado, en consonancia co que inutilmente tentara conseguir negándose ao seu recoñecemento no capítulo oitavo da Constitución. Cando, fracasado en Madrid, se refuxia en Galicia, e consigue o poder coa inestimable axuda de Felipe González e dos señores do voto cautivo que con tanta eficacia engraxan as Deputacións, non ten outro remedio que autonomizarse, pero sen estorbar nin un milímetro a arquitectura caciquil do poder provincial -a política, a económica e a mediática-. Dificilmente se poderían dar asi as condicións desa suposta Galicia moderna e do benestar. Nin as que servisen para afortalar o músculo do autogoberno.

Pola contra, é o propio Fraga Iribarne quen lle debe a Galicia moito máis do que os plañideiros da última hora aceptan. En primeiro lugar, permitiulle a compensación de non ter conseguido o poder máis ambicionado: o da presidencia do goberno de España. En segundo lugar, serviulle para lexitimarse como demócrata, malia terse negado sempre a condenar o franquismo, despois de dicir que “la mejor parte del país fue la que se alzó el 18 de julio”. Que todo isto o queiran tapar como sinal de agradecemento por terse empregado a fondo para amansar, xa na hora cero, ás feras do réxime a extinguir, tería sentido se en vez de seguiren mandando elas, fosen as forzas antifranquistas as que asumiran o poder.

Que a terra, iso si, lle sexa leve.

 

FRAGA NA HISTORIA