PENSIÓNS E SISTEMA

Dende hai algúns anos faise moito fincapé en que as pensións poden non ser sostíbeis no futuro inmediato, se non aumenta rapidamente a poboación ocupada. Pouco se di sobre que se baixaron en varias etapas as cotas obrigatorias da patronal, que son salario indirecto, e un xeito de que medre a taxa de beneficio sen mellorar a competitividade. Tampouco se fai referencia a que unha boa parte dos gastos en pensións son para persoas que non cotizaron, nunha necesaria medida solidaria, que non se pode imputar polo tanto ao gasto corrente nesta materia. Concretamente na Galiza pertencen ao réxime xeral da Seguridade Social menos da metade das pensións.

Neste tema hai que ter en consideración asemade que as altas taxas de desemprego e emigración son un factor de primeira orde. Porén neste caso a responsabilidade será daqueles partidos que desenvolven políticas incorrectas, que aceptan situacións de dependencia que envorcan no país maiores custes polo reaxuste económico que comporta a crise, e que no colmo do descaro alentaron durante anos a deslocalizacion empresarial no exterior.

O resultado destas medidas erradas foi salvar os grandes grupos económicos, mais afundindo unha boa parte das clases populares na absoluta precariedade.

Por último, non se pode ignorar que non se pode, por unha banda, presumir de ter unha alta idade media de vida, e por outro lado, non querer asumir os custes económicos que ten a mellora na calidade de vida.

Para facer fronte a esta realidade dos países máis avanzados e nun contexto no que xa se albiscan os límites demográficos no mundo, cómpre reservar agora a parte da produción necesaria para atender ese gasto.

A outra solución, que se vai impondo de vagar para evitar o rexeitamento social, é que as persoas con maior nivel de ingresos contraten pensións privadas complementares, coa pretensión de que o sistema público cubra só un nivel de mínima subsistencia. O problema non son as pensións, nen o desemprego, nen a emigración. Estes non son máis que síntomas dun sistema inxusto onde se fortaleceu a concentración e centralización da riqueza e o poder cos métodos máis aldraxantes. Haberá que cambialo.

PENSIÓNS E SISTEMA

Te puede interesar