O ABORTO DA LEI

A ousadía do PP levouno a ter que enfrontarse coa maioría social cando presentou o proxecto de lei do aborto sen reparar en que carecían da capacidade necesaria para lexislar con “sentido común”, como lle gusta dicir a Rajoy. O aborto é un tema no que a sociedade encóntrase moi dividida. Non é estraño que fracasara Gallardón, o máis arrogante dos ministros, aínda que a calquera outro pasaríalle o mesmo. Un partido político non é o suxeito idóneo para semellante empresa, e menos sen a contribución activa da maior parte da sociedade, a que o PP desatendeu. O aborto é un tema  demasiado complexo para ser tratado á lixeira, e a sociedade española, cada día máis plural, precisa dun debate previo a aceptar unha lei que afecta aos sentimentos, convencementos e crenzas máis íntimas das persoas. Necesitamos unha lei maioritariamente aceptada se queremos evitar a frivolidade de cambiala cando goberne outro partido. O tema do aborto abarca moitos campos do ser e do saber que non se poden obviar á hora de lexislar; por iso saúdamos como benvida a aparición de certa mestura de ética laica e de moral relixiosa que deben acabar cos enfrontamentos e aceptar un diálogo frutífero. De entrada atopámonos ante un problema que ata os nosos días ninguén se sentiu coa autoridade suficiente para resolvelo: en que momento da xestación o feto adquire a condición de persoa. Existe certo consenso en que antes da décima semana non se dan as condicións que permitan considerar o feto un ser humano, ademais de que, en calquera caso, non se debe descoidar a conciencia persoal da muller embarazada, e que a súa decisión teña sempre a última palabra. A Igrexa, co seu adoutrinamento negativo en todo o relacionado coa sexualidade, non está libre de culpa. Esta situación tan confusa na que nos encontramos ven dada en boa parte pola rixidez da doutrina católica no relativo ás relacións sexuais e ao mesmo tempo á necesidade de que as parellas fagan a súa planificación familiar. O mesmo se pode dicir da condena do uso dos anticonceptivos. Así, estamos navegando no río revolto no que cada un mira para outro lado e amaña as cousas como lle parece, cos resultados negativos coñecidos. Nun camiño de consensos débense acordar medidas para acabar cos embarazos non desexados, xa que evitando estes –polos medios que xa existen– desaparecerían a maioría dos abortos. Tamén hai que desligar o uso da sexualidade da vontade de procrear. A educación debida aos adolescentes –elas pero tamén eles– nesta materia debería ser o primeiro a ter presente.

O ABORTO DA LEI

Te puede interesar