Inmundicias

Unhas das cousas nas que se fixo máis fincapé nas informacións aparecidas nos diferentes medios do debate celebrado na primeira de RTVE o 14 de decembro, vésperas das  eleccións, entre Mariano Rajoy e Pedro Sánchez foi na frase “el presidente tiene que ser una persona decente y usted no lo es”, que o secretario xeral do PSOE lle espetou ó presidente do PP, cando se estaba a tratar o tema da corrupción.
Cando tal escoitei non pensei para nada en que o señor Sánchez o fixese por entender que o señor Rajoy non fose unha persoa limpa e recatada, nin porque non actuase conforme ás regras da moral sexual tradicional ou definicións similares. Pareceume que o dicía porque sospeitaba, ou tiña a certeza de, que nos múltiples casos de corrupción nos que se veu envolto o PP durante a súa presidencia non actuara coa honestidade, coa dignidade, coa honradez ou conforme á lei, á moral ou á súa conciencia que se agardan de quen preside o executivo dun país. Reparemos en que estas son primeiras acepcións que atopamos nos dicionarios ó uso para definir o adxectivo decente. Non obstante, atendamos a que o máximo dirixente do PSOE non cualificou en ningún momento ó do PP de indecente, como apareceu en moitos lugares. E non vou ser eu quen o faga. Sabido é que o prefixo in- se utiliza para a negación dalgunha calidade o mesmo que o adverbio ‘no’, que é do que botou man don Pedro.
Don Mariano, visiblemente alterado polo inesperado das palabras do seu contrincante, alcumouno de ruín, mesquiño e miserábel, palabras todas elas que non queren dicir outra cousa que falto de xenerosidade. Aí quedou a cousa.
Hai anos, vinme na obriga de ter que pasar o verán de 1972 no Centro de Instrución Militar de Figueirido para realizar o servizo militar obrigatorio polo sistema das chamadas milicias universitarias. Logo pasaría outros tres meses na Academia Militar de Infantería de Toledo e outros catro de sarxento neste mesmo centro. Fóra un verán caloroso e moi estable polo que case as 24 horas de cada día tivemos que soportar os fedorentos cheiros emanados da daquela chamada Empresa Nacional de Celulosa, empresa estatal, do INI, que sería privatizada en 1990. Olores insoportables e inesquecibles. E iso só era unha parte, se se quere a menor, do mal que esta fábrica fixo na ría e no entorno de Pontevedra desde que se montou a finais dos anos cincuenta, e non sen oposición, malia a represión da ditadura, da xente que traballaba nos ricos bancos pesqueiros e marisqueiros de Lourizán. A contaminación fixo estragos. Polas moitas veces que, desde aquela a hoxe, teño estado na cidade do Lérez puiden ir percibindo que se foran mellorando determinadas agresións ó medio, mais, con todo, unha ría moi poboada non parece o lugar máis axeitado para unha industria desas características. Como Reganosa na nosa ría de Ferrol. E que dicir da plantación masiva de eucaliptos derivada dela que converteu Galicia nun inmenso eucaliptal? En 2018 finaliza a concesión da ubicación da empresa, mais agora, de repente e polo que puidese pasar veu o goberno en funcións de Mariano Rajoy concedéndolle a Ence unha prorroga, nada menos que ata 2073!!!
Demostra ser probo, recto, honrado..., en definitiva, decente, quen toma decisións que semellan impropias dun goberno en funcións? Mostrou decencia respecto ós bos costumes e á conveniencia social? Pois este bo señor pretende seguir gobernando a toda costa.
Recordemos que o goberno arxentino, o que aquí nos vendían como corrupto goberno da familia Kirtchner, botou abaixo un proxecto de Ence para construir unha planta de celulosa no río Uruguai, en territorio da república deste nome. Por algo sería.
 

Inmundicias

Te puede interesar