ANXO E DIAÑOS

Non puiden acudir ao concerto que a Sociedade Filharmónica propiciou a pasada semana  por ter un compromiso non eludible, e ben co sentín pois a Orquestra de Cámara Galega é santo da miña devoción polo seu ben facer e porque a fundou e dirixe o fillo de Roxelio Groba a quen coñecín cando era director do Conservatorio da Coruña. Roxelio Groba júnior formou en 1995 unha orquestra de cámara da que os galegos nos temos que sentir orgullosos.  Ao tempo de lamentar non poder acudir ao concerto aludido, días despois recibo invitación para asistir a outro que tiña lugar no teatro Colón da Coruña cuxo protagonista era a OCGA , os mesmos que tocaron en Ferrol, presentando un programa titulado xenericamente Ángeles y Demonios, moi oportuno para estas datas nas que os defuntos e, por que non dicilo, o diaño están presentes. Gocei, e mesmo nalgún intre do concerto cheguei  a emocionarme co belido da música que estaba a escoitar e porque Roxelio Groba rachou por un momento o protocolo do que soe ser un concerto tradicional ao uso de esa xente que se cre sobrada de erudición e se comporta coma se fose doutro mundo, moi lonxe da xente do común, do populacho, que para eles semellamos ser os demais. Na sala había familias enteiras cos seus fillos pequenos, exemplo de comportamento, caladiños e atentos ao que sucedía no escenario onde Groba optou por explicar o por que da música que soaba. A meirande parte dos presentes aplaudían en cada tempo da sinfonía de Boccherini, e por que non? Por que reprimir o entusiasmo do público cando está motivado por unha música que lle agrada? Por que iso de gardar  as formas esperando impacientes ao allegro con molto, o ultimo movemento, para aplaudir? Fermoso o Pasaacaglia de Handel e moi oportuna a Sonata para violín El Trino del Diavolo  de Tartini maxistralmente interpretada pola violinista Alena Baeva que lle sacou ao seu Stradivarius, cedido pola colección estatal de instrumentos de Rusia, o máximo rendemento. Tartini manifestou que unha vez se lle apareceu o diaño en soños dicíndolle que tiña esa sonata para el. E eu digo: bravo polo diaño!, bravo por ese anxo díscolo que decidiu facer música celestial e regalarlla a Tartini que de seguido  a pasa ao pentagrama cando esperta dese soño marabilloso, e bravo, claro, por Alena Baeva  e a OCGA que nola fai chegar.  Logo subiu ao escenario a Coral Polifónica El Eco que está aí dende 1881 a cuxo fronte estiveron excelsos directores como Pascual Veiga, Castro Chané,  José Baldomir e o mesmo Roxelio Groba entre un grupo de significados músicos onde tamén atópase o bo amigo Maximino Zumalave.  A traxectoria desta coral e longa e frutífera. Son voces veteranas que soan en perfecta conxunción harmónica baixo a dirección actual de Pedro Martínez Tapia, con oficio e solvencia perfectamente imbricadas coa orquestra nas tres pezas máis un bis que amablemente Roxelio Groba dedicounos, tres pezas de Vivaldi, Bach e Gounoud inspiradas na liturxia que deixaron patente a capacidade creativa destes autores cuxas pezas provocan unha tranquilidade e paz interior moi difícil de definir. Por un momento o director suxeriu que o público pechara os ollos e se deixara levar polas sensacións provocadas pola música. Tratándose desa música sentín o mesmo que cando entro nunha igrexa románica: sosego, moito sosego. Por iso admiro a aqueles arquitectos que conseguiron crear esa atmosfera e aos compositores que logran coa súa música acelerar o sentido emocional capaz de poñerche a pel de galiña. Abofé. 
 

ANXO E DIAÑOS

Te puede interesar