NACIONAL, ÁS VECES

As eleccións ao Parlamento europeo non serven para nada máis que dar un retiro glorioso e cómodo aos políticos que cohabitan nos partidos e que a dirección non sabe que facer con eles e, antes de despedilos, mándanos a Estrasburgo a facer fortuna un mínimo de cinco anos prorrogables a outro lustro até que alcancen unha pensión exenta das conxelacións do resto dos mortais.
Outra da funcionalidade da eurocámara vén sendo que a súa formación e elección de deputados é un gran inquérito dos partidos políticos para demostrar o seu poder nos seus territorios nacionais. Claro que aquí xorden os problemas cando o espazo físico, aínda que sexa amplo, non ten a poboación necesaria para que as agrupacións garantan un escano ao primeiro da lista. En consecuencia, veñen as coalicións de intereses.
Populares e socialistas non teñen problema para mandar a Europa a quen consideren que se merece un premio, pero o resto dos partidos teñen que xuntarse para lograr algún deputado as formacións galegas non estatais vense obrigadas a pegarse con cola, de aí que os de Anova anden facéndolle as beiras ao Bloque, que se fai de rogar porque proclama que é de natureza nacionalista e iso de coaligarse con movementos internacionalistas non lle convence, polo menos de momento.
Nesta dialéctica andan, recuperando a terminoloxía marxista, os partidos nacionalistas galaicos, que a fin de contas son tres ou dous, segundo se conte a Compromiso por Galicia, que se di de dereitas, que é o lóxico, que ademais xa pensou nunha candidata que polo menos domina varios idiomas, pero o máis grande é o Bloque porque o poder de Anova, o de Beiras, aínda se descoñece por máis deputados que teña no Parlamento galego o mesmo que é ignota a capacidade electoral de EU, que nin sequera ten alcaldías por votos, poder do que si dispoñen os comprometidos de Xoán Bascuas. Ademais os comunistas de Díaz andan embarcados en contubernios como en Andalucía co PSOE ou co PP na Estremadura. O caso é que o corpo electoral galaico parece que vai dispoñer de partidos nacionalistas a escoller segundo as eleccións, dada a oferta de Beiras ao Bloque, se é que os de Vence aceptan. Así que para as europeas non serán nacionalistas e para o resto si, algo que de producirse será difícil de entender, aínda que haxa unha facción de EU que desexe deixar a Internacional aparcada e se una ao coro dos rumores dos piñeiros, algo máis complicado que buscar nacionalistas, chamados galeguistas, no PPdeG.

NACIONAL, ÁS VECES

Te puede interesar