MEDIOS AMENAZADOS

As ameazas contra a pervivencia dos medios públicos de comunicación veñen de lonxe. E tamén de moi variados lugares. Empezando pola propia UE. Baixo a presión da industria audiovisual privada, degrada a función esencial de servizo público que segue recoñecéndolles aos medios a súa carta constitucional, ensumíndoa nun tan ambiguo como enmascarador ‘interés xeral’. Nos últimos anos do socialismo gobernante, Zapatero deu unhas de cal e outras de area, como imos ver. E xa comprometeran os oráculos electorais do PP unha auténtica enxurrada privatizadora. A razón conéctana coa necesidade de salvar o déficit. A de verdade ten no seu ADN a explicación da alerxia polo público. Se cando gobernaron con maiorías absolutas non se propuxeron liquidar tanto RTVE como as canles autonómicas, foi porque nada estorbou até o de agora o seu poder de control tanto gobernamental como partidario.
Porén, cos medios públicos do Estado baixo unha nova lei que os fai independentes do Goberno, obxetivo que en poucos meses acadarán tamén os medios galegos da CRTVG, á dereita gobernante xa non lle interesa manter por máis tempo o dobre xogo. Todo é privatizable e o que non teña esa sorte, caput. A toda presa. Para que a cidadanía non se acostumbre demasiado a unha televisión e a unha radio que no tempo que levan en liberdade garanten níveis de calidade, creatividade e rigor informativo nunca vistos. Todo o contrario do que sucede nas televisións privadas, que incrementan os índices de lixo catódico ata a vomitona.
Porque ás prebendas que os operadores privados recibiron tras a aprobación da Lei Xeral do Audiovisual -como a de flexibilizar a liberdade de concentración con escasos topes, prevendo para o inmediato futuro a conformación de dous polos televisivos amplamente dominantes-, hai que engadirlles agora o que desde o 20-N é unha prioridade para os gobernos conservadores de Rajoy e das autonomías: o desmantelamento dos medios públicos. Valéndose de dúas vías. A legal, que dará paso a cambios de titularidade ou de xestión, para o que precisarán cambiar a lei xeral do audiovisual. E a da asfixia económica: sen poder emitir publicidade, e sen que nada asegure que os operadores de telecomunicacións e das privadas aporten as porcentaxes esixidas para compensalo, só faltaba o que o PP vén de decidir para ferilos de morte.
De  meter aos medios das Autonomías nesa mesma dinámica, non só deparecerán os prescindibles, tamén caerán as que son imprescindibles para a supervivencia das linguas e culturas propias. Que van a por todas demóstrao o último anuncio: a externalización da produción dos informativos nos medios que, pese a todo, resistan. Rota esa fronteira, sen dúbida a que na súa última etapa veu garantindo que TVE cumprise co dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e completa, o que de servizo esencial teñan os medios públicos que aguanten este primeiro tirón caberá nun dedal. Se non o remediamos con movilizacións sociais, o segundo tirón –que chegará, malia que o negue Feijóo– será mortal.

MEDIOS AMENAZADOS

Te puede interesar