SOÑOS DE CAFÉ AO ÓLEO

Decía Joseph Beuys que “todo home é un artista” e, alén de que a xeneralización encerre un algo de inexacto, sí é certo que todo aquel que sinte paixón polas artes leva en sí un xerme de artista que pode ou non agromar, segundo as circunstancias. Celestino Poza, que estivo tantos anos nas andainas da cultura, xa no concello de Culleredo, xa na Deputación coruñesa, levaba sen dúbida ese xermolo e esa paixón, como o atestiguan as estupendas esculturas coas que se enfeitizou o Pazo de Mariñan baixo o seu mandado. E un día deu a luz a súa propia obra, que primeiro foron xentes de faciana estantía, con aceno entre románico e expresionista e hoxe son Soños de café ao óleo, título inusual e suxerente, que ven a ser a un tempo metáfora e paráfrase do tan común café das nosas sobremesas, en especial do café con leite.

Esta é a obra que expón agora na Sala Aurelio Aguirre do Clube do Mar de San Amaro, coa que quere sinalar unha cor e un xeito de augada ou de pintura diluída que ten na mancha aberta e irregular o seu nacemento e coa que experimentaron, a xeito de xogo, tantos artistas, moitas veces arredor dunha mesa de amizade. De utilizar as insinuacións das manchas, xa ten falado abondo, no seu Tratado da pintura, Leonardo da Vinci, pois as figuracións máis caprichosas poden agromar cando un observa coa ollada da fantasía.

Entón pode ver, como C. Poza, fragas fantásticas, trasnos da naturaza, babélicos torsos, castelos de pedra, cidades das Mil e unha noites ou levitantes naves; tamén pode enxergar sombras ameazantes, oxidadas ruínas, pesadelos, como o de Chernobil, ou adiviñar futuros apocalípticos; a mancha ten esta ductilidade e a arte está en saber usala para que xenere formas inéditas e se tinga de complementarios cromatismos. Unha boa mancha e un uso axeitado da cor son bases fundamentais para poder chamarse pintor, logo virán outras necesidades expresivas e outras perfeccións; pero o uso de variados matices, de gamas ben acordadas está presente e consigue arquitecturas compositivas e dameiros polícromos que, por veces, lembran a Paul Klee.

Pero por debaixo está sempre ,case como alegoría do tempo que tamén esborrexe, esa augatinta cor sepia, cor acaramelada ou café que se atempera con variados grises e escoa polas brancas páxinas na percura das agochadas quimeiras ou dos perdidos ensoños.

SOÑOS DE CAFÉ AO ÓLEO

Te puede interesar