Un inicio de curso normal

É habitual, cando comeza o curso, que os políticos que nos desgobernan comecen a facer as súas grandilocuentes declaracións, baixo o interesado ollar dos medios de comunicación, cada vez máis amigos pola necesidade que introduce o “pan” dado a dedo e sen publicidade para “relatar novas positivas sobre Galicia” –inda que sexa a costa de mentir, mentirse e mentirnos–. Declaracións que, erguéndose por riba do ben e do mal, coma superhomes nietzcheáns, prescinden do máis mínimo criterio crítico e aseveran sobre a “normalidade” do inicio de curso.
Recoñezo que non sei a que se refiren con normalidade. Ando perdido cando, no día a día, falando coa familia, percibes como as cousas son máis difíciles no traballo, onde “che piden máis horas e non rechistes”, onde o prezo da vida se encareceu de forma exponencial ao mesmo tempo que recortaban salarios, que introducían repagos en sanidade e educación, que aumentaba o IVE (o imposto máis insolidario, xa que grava ao que máis ten igual ca o que menos ten). Os propios datos oficiais, do Instituto Galego de Estatística, afirman que 6 de cada 10 familias chega con dificultades a fin de mes. É iso normalidade?
Non acepto ese discurso da normalidade, da patoloxía da normalidade que intenta facernos ver que é normal vivir abafado, cando hai tanto desemprego en Galicia (93.000 familias con todos os seus membros en paro; 33.000 sen ningún tipo de ingreso) e que mesmo se está producindo un incremento de traballadores e traballadoras pobres porque o miserable salario que lles dan xa non chega para facer fronte a aluguer (ou hipoteca) e aos gastos correntes, e xa non digamos facerlle fronte a imprevistos (un informe de Cáritas afirmaba que 650.000 galegos e galegas están en risco de exclusión social).
Hai tanta “normalidade” que mesmo o inicio de curso xa constitúe un gasto en materia educativa nada doado de afrontar (uns 723 euros de media debido a que os prezos dos libros de texto, dos materiais complementarios como atlas, dicionarios, e restante material escolar certamente experimentou unha forte suba nestes anos de crise).
Neste contexto o PP obriga ás familias galegas de facerlle fronte ao pago do servizo de comedor, un servizo educativo esencial nestes tempos. De forma maquiavélica retorcen as palabras e afirman que é un decreto xusto. Mais, eu, sen moita idea de matemática, póñome a contar e comprobo que antes, co anterior decreto –ollo, falo dos centros que asume a Xunta de forma directa– o 92% do alumnado non pagaba nada polo uso do servizo de comedor, mentres que a partir de agora, e coas contas asentadas a partir dos datos do 2012, esa gratuidade (relativa, xa que a pagamos a través dos nosos impostos) vai beneficiar a un 56%. Vostedes comparen, 92 fronte a 56. Certo é que o anterior decreto presentaba eivas...pois mellórese! Mais o que non procede é que se empeore a situación, que é o que acontece con este decreto, imposto, xa que a comunidade educativa e órganos representativos coma o Consello Escolar de Galicia teñen dito non ao decreto.   
Si, “normalidade”: que llo pregunten ás direccións dos centros, que se viron atacadas por máis trámites burocráticos. Que llo digan a esas familias que no curso pasado tiñan o servizo de comedor gratuito e que, agora, debido á teima da dereita, teñen que pagar. Todo adquire tanta normalidade que equiparan no seu imaxinario unha parella que teña un salario de 1.125 euros ao mes cada un con quen gaña 5.000 euros. O PP, de forma cínica, di que iso é xusto. Coma o feito de que unha parella de mileuristas pague 50 euros.
O PP manipula e minte. Os seus membros non teñen reparo en facelo no Parlamento de Galicia, onde fan exposicións que acumulan datos que non se contrastan e logo son magnificados polos medios amigos do sistema vixente que, ao mesmo tempo, fai todo o posible para silenciar as propostas alternativas que veñen desde o grupo parlamentar ao que represento Alternativa Galega de Esquerda. O lóxico é que se contrapoñan as informacións de todas as forzas políticas e que non se practique o silencio informativo que é a forma moderna que adquire a censura.  
Por iso, vémonos na obriga de usar estas posibilidades comunicativas para denunciar, por exemplo, que neste contexto de crise o Partido Popular dixo non a unha iniciativa que pretendía que se puxera en marcha un plan para detectar carencias nutricionais nas escolas públicas de Galicia e actuar en consecuencia.

Un inicio de curso normal

Te puede interesar