Os debates

Asistín o 22 de abril, moi interesado, ao debate entre as catro figuras máis sobranceiras da actual política nacional. A mesma canción de sempre. O ti máis e o ti menos, é unha constante no discurso dos chamados pais da patria. A miña impresión ao final é que, con esta xente, estamos ben apañados.

No existe un proxecto común para solucionar os grandes problemas que nos aflixen. Cada un pola súa conta defendendo o seu “partidiño” e botando terra por riba dos adversarios políticos. Por que, si todos eles son tan patriotas como manifestan, e todos eles teñen solucións para tódolos problemas do país, por que repito, non fan unha gran coalición esquecendo as diferencias e todos unidos traballan algunha vez, para variar, a prol de poñer remedio aos vellos e aos novos problemas que son, a economía, o paro, as pensións, a corrupción, a violencia de xénero, os homes, as mulleres, os nenos e as nenas, os cataláns, os vascos, as autonomías e un longo etcétera de eivas que teñen o país como o teñen. Unha mágoa porque somos un país cun gran potencial humano demostrado ao longo dos séculos.

O debate coma sempre, medias verdades e grandes mentiras, facendo oídos xordos, uns e outros, as verbas do adversario. Con todo, ao meu xuízo, o mais cabal, cun exemplar da Constitución como bandeira, foi o home da coleta. Claro que isto tamén puido ser unha estratexia para acadar votos.

Está claro que a maioría absoluta non é posible. Xa veremos despois do domingo que xeito de pactos se establecen porque o que é no debate de onte ninguén se definiu a pesares de que non faltaron os ofrecementos de uns e ata os condicionamentos de outros, pero alí non se mollou nin o Pupas.

Segunda xeira, o día 24, máis do mesmo. Continúan as acusacións duns e doutros. As cifras económicas, paro, déficit, débeda, trabucos..etc, de infarto. Oíndoos a un quédalle a impresión de que vivimos de milagre. De novo a corrupción, o paro, a violencia de xénero..etc. Todos teñen razón, razóns, e proxectos de mellora. A crispación, os nervios e os malos modos a flor de pel aflorando por momentos. O máis correcto, incluso apelando á paz e á boa educación, de novo o representante de Podemos. A intención das dereitas é botar ás esquerdas do Goberno, nun quítate ti para poñerme eu. A das esquerdas é non deixar gobernar as dereitas. De calquera xeito, todos satisfeitos coa súa actuación, todos gañaron, nin vencedores nin vencidos. Seica hai aínda un 40% de indecisos que terán que definirse o vindeiro domingo. ¡Que Deus nos colla confesados!

Ao final da festa, para dar fe do seu talante democrático, moitos apertóns de mans. Dicía un compañeiro e amigo meu, moi castizo el, que “algo tendrá el agua cuando la bendicen”. Algo terá tamén o poder cando, todos queren acadalo. Eles, uns e outros, saberán. Dunha cousa estou seguro, gañe quen gañe o 28-A, seguirán os raposos a coidar das galiñas.

Os debates

Te puede interesar