Por dicilo dunha maneira suave isto é o que define a incapacidade dos nosos dirixentes políticos á hora de consensuar certos postulados que dean unha ansiada estabilidade ao devir do noso país. É xa unha verdade incuestionable as dificultades que amosaron sempre os partidos de esquerda para chegar a acordos: o sí pero... a desconfianza e a constante mosca trala orella deron ao traste cos pactos. Nisto a dereita sempre andou máis espabilada nestes amaños.
Froito da falta de entendemento aí estamos diante doutras eleccións betendo o record europeo nisto de saír correndo cara aos colexios electorais e dispostos a fundir 140 millóns de euros do peto de todos: ¡deus , que despropósito! Un vai e di: eu apoio o teu nomeamento pero quero a vicepresidencia, e tres ministerios, Facenda, Seguridade Social e Enerxía. ¡Olé teus bemoles de esquerda! E o outro vai e espeta: eu voto abstención se prometes manter “sine die” o artigo 155 en Cataluña e se aseguras non indultar aos presos do “proces”, e pouco despois manifesta que está disposto a se poñer de acordo cos que él considera os seus aliados naturais, o PP e Vox. Olé o teu liberalismo! que che permite alianzas segundo de onde veña o vento. Sumido nesta incompetencia está o noso panorama político e así as cousas volta a darlle á matraca con unha nova campaña cando índa non enmudeceron os ecos da anterior.
Que nos van contar os mesmos protagonistas culpables da canseira política na que está sumida gran parte da cidadanía?, ¿ con qué novos argumentos tratarán de convencernos? Creo que a materia está esgotada, que todo será máis do mesmo e que é moi probable que outra vez non haxa maioría absoluta e haberá que negociar, función primordial na política, dificil premisa dados os antecedentes porque semella que non interesa avanzar para mellorar a calidade de vida da xente senón que lles concernen máis as comenencias partidistas e o que é peor os intereses particulares. Cansa e desanima estar escoitando constantemente as mesmas anodinas cancións. E un, malia que xa vai maior, quizás por iso, aínda albergou a esperanza de ter un goberno que convertese as cousas en escravas do ser humano e non o ser humano en escravo das cousas, pero como unha vez dixo Neruda, aposto tamén con él pola utopía de vivir nun mundo no que os seres humanos sexan soamente iso, humanos e nada máis. Moito dubido que con estes personaxes inexpertos e incapaces logremos chegar a unha sociedade perfecta e xusta.