España: nazón de nazóns

Cando un político neoliberal se arrinca por peteneras e, nun arrouto da senrazón, zuga patrioterismo da mellor dereita unitarista, non importa a que votante se dirixa, o mesmo ten dereita, centro ou esquerda porque o discurso da unha grande, ande ou non ande, esboira como unha castaña sen triscar que ceiba sempre unha ánima do purgatorio dos rancios Reis Católicos. 
Na cansina consigna antisecesionismo catalán, todos os días o imperio español bota unha bafarada arrecendente ao demo rumudo en feitío de reinos de taifas do catecismo escolar franquista. 
Agora é a vezeira de Pedro Sánchez, ese home liberal de partido decimonónico que segue a crer nese progreso maquinista e simplainas do poder da máquina aforratempo e destrúempregos. 
Ese progreso que arrasa territorios e esnaquiza povos autoabastados que non precisan do Estado, nen sequera do Español, para subsistir. 
Esa España do progreso que esnaquizou as nazóns históricas milenarias anteriores á palavra España e incluso a Hispania (que non son sinónimos anque así nolo proclamen) cos retallos de provincias e concellos por matar a memoria e a organización comunal que latexava nas paróquias e bisbarras. Ese progreso español compangado coa dereita católica que nunha antropofaxia criminal escravizaron e escravizan ás nazóns sumetidas simulando na lúa do Parlamento de parlamentos o que na realidade negan.
Ti es Petrus e sobre desa pedra edificarei a miña igrexa. E vaia se a edificaron! A costa do panteísmo livre, do bautismo comunal dos proprios ríos e fontes, dos nosos nativos pontífices. 
A Nazón das nazóns ergueuse enzoufada en sangue e tesouros das nazóns comestas ás que agasallou co nome de patrias chicas. 
E por iso é que algúns ainda se senten só españois ou máis españois do que galegos. nesas súas proprias enquisas forneadas, como os livros de texto, as equipas de futebol e demais símbolos na Corte do Imperio.  
E por iso esta Nazón de nazóns ten unha Lingua de linguas que é a única que temos obriga de falar para matar ou rematar ás outras cinsentas irmás pobres que só portan un dereito nominativo e virtual pois que na realidade cotiá esmorecen polo deleixo raposeiro desa arteira Nazón madrastra, casada co pai Estado autonómico e autoanémico sen dereito a divorcio. 
Porque a Nazón de nazóns que é España, segundo Pedro Sánchez, non admite sequera a dispensa papal nen no caso en que non houvera axuntamento carnal como é no caso de Galiza, Catalunya, Euskadi... A nosa nazón foi apropiada con dereito de pernada. 
Non houvo convivio senón forzamento. A nosa historia, ainda hoxe silenciada, así nolo amosa. A nosa lingua esmorecente que foi lingua das cortes da Península así o espella contra toda represión.
Así que, señor Sánchez, edifiquei a súa igrexa onde queira, mais Galiza reclama a dispensa papal por falla de axuntamento carnal voluntario, por violación de facto. 
O minifundiario ricaz de terras, hidrónomos e topónimos así o ergue como bandeira dunha nazón grande dun imperio ben chico.
 

España: nazón de nazóns

Te puede interesar