23

|

A forza do costume xogoume unha mala pasada este último xoves, 23 de febreiro. Malia estar ben avisado polo vello amigo Bernardo Máiz, deixeime levar polo horario habitual de celebración de conferencias, mesas redondas, concentracións e manifestacions que teño na cabeza, as oito da tarde, e, como desta volta era ás sete, cheguei con bastante retraso ao acto de proxección do documental 23 no Ateneo Ferrolán. Como quen di, xa acabara. Mágoa. Mais, con todo, non foi viaxe en balde, xa que puiden escoitar o que se dixo, no anunciado coloquio, tanto por parte dos convidados da mesa como por certo número dos asistentes, que, cómpre dicir xa, abarrotaban o local. Tanto como para que, ao chegar, tivese que sentar nas escaleiras. Sinceramente, e son persoa que se informa de cotío en diferentes medios, nunca antes do anuncio deste pase no Ateneo escoitara falar dese documental sobre os acontecementos do 23 de febreiro de 1981, gravado en 2010, hai nada menos que seis anos cumpridos. E iso semelloume grave. Este descoñecemento, este agochamento, esta desidia cultural, en definitiva, non se pode entender sen un firme interese  por parte dalgúns poderes en que esa historia quede na memoria colectiva como unha historia do pasado recente -sempre pasado- que demostrou que o Estado de dereito, personalizado na figura do rei, funcionaba e segue a funcionar perfectamente. Non temos, pois, nada que temer, estamos totalmente protexidos. O que non sei é de quen se nos quere protexer? Que xa é outra cuestión. Polo que se falou no coloquio, parece que todo o mundo estaba de acordo en que o que conseguiron os que organizaron aquela movida foi en apuntalar a monarquía e en deseñar un sistema político de bipartidismo, coa presenza dalgún adorno nacionalista, ideoloxicamente conservador, que xustificase o sistema. Había, xa que logo, que reducir ao ostracismo ou a presenzas testemuñais as organizacións de esquerdas, tanto estatais como nacionalistas. No que xa non había tanta unanimidade era a quen tiñan máis interese en dilapidar, se aos primeiros ou aos segundos. Nesas dos intereses aínda seguimos estando, porque os nacionalismos seguen aí e algúns ben rufos. Si sei, porque o vivín, como algún dos presentes no Ateneo en diferentes lugares, que nas manifestacións de repulsa dos sucesos celebradas en Galicia o día 27  os antidisturbios cargaron moi duramente contra os manifestantes nacionalistas, mesmo, nalgún caso, orientados por militantes das chamadas forzas constitucionalistas. Iso foi así, tal cal, e os chivatos e os que os aconsellaron saberán por que o fixeron. Golpes houbo para todos e todas e máis que houbera. Tamén non había coincidencia absoluta sobre a autoría da lista aireada tempo despois. Para min, a presenza dalgún nome, que na altura de 1981 tiña escasa relevancia política ou sindical, sempre me levou a pensar que na elaboración e difusión da lista negra, que apareceu dez anos despois nos medios de comunicación, tiveron moito que ver coñecidos e activos militantes da extrema dereita civil e nada os corpos de seguridade do Estado. O que non quere dicir que, por razóns de amizade, puidese ter botado unha man algún membro illado dos mesmos. Mais como tales, sempre estiven bastante convencido de que nada tiveran que ver. As autoridades que saísen do golpe saberían perfectamente a quen había que quitar de diante e como facelo sen lista ningunha. Houbo asistentes que manifestaron que percibiran algo de escoramento cara certas orientacións políticas, que o documental non era totalmente imparcial, ou iso me pareceu entender, mais como, polo citado despiste, non puiden velo -quedo coas ganas-, non podo opinar sobre esa cuestión. Como tampouco podo facelo sobre a calidade do produto, se ben, polo cacho que vin, deume que debe tela. As explicacións da directora sobre o proceso creador déronme a entender que tiña unha idea ben clara do que quixera facer e pareceume que quedara satisfeita co traballo realizado. Consecuentemente, de teren a posibilidade de velo recomendaríalles que o fixesen. Eu, sen dúbida, fareino.

23