Na súa recente visita a Polonia Francisco dixo algo que espertou a atención de moitos oíntes. Este Papa, cando fala, acostuma baixar ás realidades humanas concretas e chegar ás persoas inxustamente tratadas; algo que se notaba en falta na Igrexa e que viñan pedindo dende había tempo os grupos de base. Deixar as teorías para entrar nas realidades sociais. Na súa viaxe a Polonia Francisco falou da actual situación do mundo, concretamente das guerras, das inxustizas e da violencia, verdadeiros desastres non provocados polas forzas cegas da natureza, senón por persoas que teñen moita influencia, moito poder e ansias de mando.
O Papa dixo, sen estenderse en discursos, que todos estes males teñen remedio se aceptamos algo que coñecemos e pouco practicamos, a fraternidade na convivencia. A primeira vista parece unha simpleza, pero non é así. Francisco non é persoa de piedades simplistas, e avisa de que a fraternidade debe ser entendida non só como virtude relixiosa senón principalmente como un proxecto para a convivencia social. O que traducido á vida práctica sería, democracia real e ben entendida, igualdade e xustiza. E para os decepcionados con este sistema democrático no que formalmente vivimos, deberase descubrir que é o que está fallando na práctica. Porque segundo distinguidos analistas, non é o sistema democrático o que falla, senón o mal uso que estamos a facer do mesmo. E polo mal uso encóntrase viciado e enfermo.
Xa os humanistas do s. XV enfrontáranse aos escolásticos esixindo darlle valor en si mesma á persoa humana, coa súa liberdade, tanto individual como colectivamente considerada. Faise necesario de novo unha cura de urxencia co debido recoñecemento social e posta en valor da persoa en igualdade. Do contrario chegaremos tarde, coma sempre, cando falamos de cambiar. E aquí entra a importancia da fraternidade.
Os verdadeiros valores humanos empezan sempre pola persoa en si mesma considerada. Porque non existe outro valor máis importante no mundo que a da persoa humana. O valor da política é social e está en función dos intereses colectivos humanizados. E se falta a humanización falta a esencia que está no valor da convivencia.