Mil primaveras máis para Notre Dame

Vaia por diante o meu sentimento e as miñas condolencias a Francia e aos franceses, polo terrorífico e incomprensible incendio da súa catedral máis emblemática que é e seguirá sendo, con toda seguridade, Notre Dame de París. Para a súa restauración, aí temos a solidariedade de tódolos países. Apenas tres días despois do desastre, a recadación xa acada os mil millóns de euros. Consola saber que aínda existen este tipo de sentimentos na humanidade.
Digo incomprensible porque non son quen de entender como, en pleno século XXI se pode producir un desastre destas dimensións. De onde saíron esas xigantescas lapas, como se alguén estivera atizando o lume dende a mesma base?. É difícil de aturar que unhas madeiras, ignífugas con toda seguridade, poidan arder de tal xeito, por moitos anos que teñan. E que dicir do fallo dos sistemas de alarma e automáticos de contra-incendios ?
Non estou insinuando nada nin sinalando responsables, pero a cousa ao meu xuízo non está clara. Non é a miña intención ser agoireiro, pero tal como se desenrolaron os feitos e á vista de como quedou a catedral, non será doado facer un informe crible da orixe e as causas do lume. 
Eu vexo tres posibilidades, a primeira é admitir que, segundo adianta a información oficial, foi un accidente fortuíto. 
A segunda é, permitídeme a desconfianza, que se trata dun atentado terrorista, nada menos que no corazón de París, de Francia e do mundo enteiro. A terceira posibilidade non me atrevo nin sequera a insinuala, que cada quen pense o que queira.
Nosa Señora de París vaise restaurar sen ningunha dúbida porque esa é a vontade xeral. Dentro de dez ou quince anos lucirá con maior esplendor se cabe. É de supoñer que, coa restauración, melloraranse as medidas de seguridade actuais para que esta desgracia que hoxe nos aflixe a todos, non se volva a repetir, ¡nunca máis!.
No noso país, en tódolos países do mundo, abondan catedrais, museos e demais monumentos emblemáticos que están agora mesmo en potencial perigo. Penso que hoxe máis que nunca, é obrigado e urxente analizar os riscos e mesmo as medidas de seguridade e de vixilancia establecidas que, sen dúbida, son susceptibles de mellorar.
Notre Dame, que con preto de mil anos de historia foi testemuña de excepción de moi importantes acontecementos, é unha das máis importantes sinais de identidade de París, de Francia e de Europa é tamén dalgún xeito patrimonio de toda a humanidade, de todos nós. ¡Vive Notre Dame, vive París et vive la France! 
Unha suxestión final. Con este ritmo de doazóns, van sobrar cartos a esgalla para a restauración. Sería unha boa idea, como homenaxe a Nosa Señora, empregar os excedentes en paliar a fame no mundo, labor que aínda que non sexa politicamente correcto dicilo aquí, é máis importante que a mesma restauración.

Mil primaveras máis para Notre Dame

Te puede interesar