Sanidade

Onte pola mañá tiña unha cita médica de otorrinolaringoloxía no coruñés centro de saúde de especialidades do Ventorrillo. Dei unha rápida volta polas inmediacións por se había sorte para aparcar na rúa e, como non a houbo, de camiño me dirixín a un parking de pago en superficie e ao ar libre. Estaba cheo e tiven que agardar que saíse alguén. A cita era para as dez e cuarto. Dez minutos antes collín o correspondente ticket e instaleime na sala de espera. Mirei a pantalla de avisos e vin que tiña cinco persoas diante. “Paciencia”, díxenme. “Ter que agardar hora e pico despois de esperar máis de dous meses pola consulta non é nada”. Púxenme a ler e sobre as once e media entrei. Quince minutos despois, tras unha revisión demorada cun trato exquisito, estaba fóra. Cando saín, reparei en que en fronte do centro de saúde abriran unha clínica privada. Despois de pagar 2,35 euros, montei no coche e fun todo o tempo pensando no ben que funcionaría todo se non houbese tanto canalla empeñado en fomentar o descontento dos profesionais e dos usuarios da nosa excelente sanidade pública para desviar persoas e cartos á privada. 

Sanidade

Te puede interesar