VIAXANDO POLA EUROPA IMPERIAL

|

Na lembranza de Recaredo Fidalgo, bo amigo e viaxeiro incansable


Hoxe en día cada vez é maior o número de persoas que viaxa por diferentes razóns. Prescindindo daqueles que viaxan por necesidade, en moitas ocasións obrigados por unha emigración que somete ao individuo ao desarraigo social e familiar, non sempre é doado diferenciar estritamente entre o turista, que normalmente leva unha ruta definida e un tempo programado, e o viaxeiro, cun itinerario máis libre e menos coartado polo calendario. Na realidade, cando viaxamos, todos somos uns turistas que procuramos comportarnos como uns viaxeiros, preocupados por levar roupa cómoda e unha una cámara de fotos.
Hoxe hai moitas clases de turismo: un turismo de praia e de montaña, un turismo rural e de cidade, un turismo cultural, un turismo industrial, un turismo de ocio e diversión, un turismo gastronómico, ou incluso o que o mundo anglosaxón denomina Turismo 3 S (Sun, Sand e Sex). Mesmo hoxe vemos en Santiago los “turigrinos”, presuntos peregrinos que fan turismo baixando do autobús coa súa mochila e aloxándose nun albergue do Camiño a Compostela, aloxamento que ata fai pouco tempo era gratis. Outro caso da actualidade é o chamado turismo solidario: esa boa xente que vai a facer en Somalia os traballos que non levan a cabo no Pozo do Tío Raimundo. De pasada fan turismo no deserto do Sahara e rematan raptados por unha banda de fanáticos, co conseguinte problema do seu rescate polo Goberno da Nación.         
Neste verán tocoume facer unha viaxe pola chamada Europa Imperial dos Habsburgo (Viena, Budapest e Praga), practicamente repetindo a ruta que xa fixera vinte dous anos atrás. O itinerario a través de tres países do Centro de Europa, un deles membro de pleno dereito da Comunidade Europea (Austria), outro pertencente á mesma aínda que non integrado na zona euro (República Checa) e o terceiro a piques de incorporarse (Hungría), deixoume a impresión que a actual crise económica afectoulles menos que aos PIGS (Portugal, Italia, Grecia e Spain), ou cecais o reparto dos seus efectos semella máis equilibrado.
Aínda que estes tres países da Europa Central en diferentes épocas do século XX tomaron o tren equivocado cara ao seu destino como nación e sufriron os rigores dos totalitarismos de diferente signo, sempre estimei o seu coidado dos monumentos públicos e do mobiliario urbano, a súa disciplina na formación estrita de colas, o respecto dos semáforos e os pasos de peóns, en resumo, a súa educación cívica. O que alí é o mesmo que no resto do mundo son o maltrato das equipaxes dos viaxeiros nos aeroportos e unha estúpida aplicación das quizais necesarias medidas de seguridade.
Trátase de tres cidades de fonda tradición musical, adobiadas por abondosas construcións modernistas e bañadas polos ríos Danubio e Moldavia. Como fago sempre nas miñas viaxes trato de coñecer como vive a xente, visitando os lugares onde se nutre o corpo (mercados, feiras) e se alimenta o espírito (templos das diferentes confesións), ademais de coñecer como encaran a morte visitando os seus camposantos. Nesta ocasión percorrín de novo os impresionantes cemiterios xudeus de Praga e Budapest. Deixáronme unha inesquecible impresión estas visitas que me permitiron apreciar o maltrato e o sufrimento a que estivo inxustamente sometido este pobo errante, aínda que hoxe unha xustificada memoria histórica lembra este vergoñento e indigno feito histórico.
Canto maior é o número de viaxes que fago, máis vexo como todas as cidades que visito dalgún xeito poñen en valor as súas sinais de identidade, polas que son coñecidas e se distinguen doutras, salientando os seus monumentos e costumes de interese. Xa que logo semella o momento de que Ferrol celebre un axeitado Mercado da Ilustración no seu casco histórico e se deixe de lerias como a invención de feiras medievais no lugar máis degradado da urbe.

jjburgoa@hotmail.com

 

VIAXANDO POLA EUROPA IMPERIAL