Malandríns

|

omo saben o adxetivo malandrín ten varias acepcións: perverso, malino, canalla, estafador, mentireiro, pícaro, pillabán, e poida que máis. 
Aos incendiarios, prendelumes terroristas ambientais, as tres primeiras quédanlles o mesmo que o anel ao dedo o día do casamento: canallas, malinos, perversos. Ogallá os pícaran os corvos en defensa propia. 
Que será deses malandríns chegado o inverno, cando as chuvias que a maleza arde mal. A que se dedicarán? Hibernarán coma outros animaliños. Vivirán das rendas até a primavera. Marcharán a países doutro hemisferio a desenrolar as súas habelencias?
Domíname a dúbida. Serán fantasmas vengativos, neróns, esquizofrénicos aos que hai que curar? Actuarán en solitario, ou levarán acompañamento. Serán autónomos, fixos de plantilla, contratados por fin de obra?
Sen dúbida algunha son escorregadizos, xa que poucos caen nas mans da Xustiza, e xentiña coma esa non debera andar ceiba nin para ir ao retrete. 
Mágoa que ano tras ano sempre pase o mesmo. Semella que fose un fenómeno fixo-natural, que sen el non  nos acostumáramos. 
Será que non hai, na realidade, gobernos cortalumes que combatan con medidas preventivas. Acórdanse de Santa Bárbara cando trona, e para chegar tarde, sempre hai tempo.
Serán tan inxenuos pensar que o monte non arda con ese eslogan publicitario de “Eu, tamén son cortalumes”, para concienciar e persuadir aos malandríns. Como dicía a canción, “lo dudo”.
E non pasa só en Galicia, anque eso non nos exime de respondabilidades, aquí e acolá. Por que non se practica unha política de prevención de incendios – non só teórica e de propaganda – durante todo o ano, un tras doutro, para aforrar en sustos, disgustos e gastos?
Non creo sexa por ignorancia, pois temos bos técnicos e asesores para informar aos políticos responsábeis –case que sempre ignorantes na materia, e non sei porqué os escollen así – que tantas veces por intereses políticos ou propios, fan caso omiso os que teñen coñecementos.
De EXB. Limpeza de montes públicos e privados. Recuperar a vida nos pobos abandonados. Máis axuda ao rural. Apoio á plantación de árbores autóctonas e un exhaustivo control das foráneas, en especial do eucalipto. Máis técnicos vixiantes forestais e medios económicos para as consellerías responsables. Nunha frase: Anticiparse ao lobo, antes de que nos coma o gando. 
Deixando os incendios, que ogallá non houbera outro a non ser os programados e controlados, necesarios para rexenerar a foresta e mellorar o hábitat, chama a atención o eslogan “Galicia o bo camiño”, que cando menos, con eses reclamos dan traballo ás empresas de publicidade, moitas delas ben necesitadas, anque polo demais non serve para nada. 
Bo camiño, para quen? De seguro para algún si, principalmente para os que non pisan na lama, nin tripan nin trepan penurias. Eses e esas que sempre teñen a barriga chea, e ata poida que o futuro asegurado a todo risgo. 
E para os outros milleiros e milleiros de parados, mal pagados, dependentes sen axuda, xubilados que non poden mercar os medicamentos….onde ese bo camiño?
Non podemos permitirnos o luxo de termos gobernantes lingoreteiros, moito menos embusteiros cínicos ineficaces que só ollan para o seu embigo. 
Galicia será o bo camiño, cando todos e todas poidamos camiñar alegres e en igualdade de condicións. Namentres será soamente  para os de sempre, privilexiados, que á parte de nacer co molete de pantrigo baixo o brazo, tamén naceron coa cara ben lavadiña e o corpo aderezado con perfumes de París…
É outono, marchan as andoriñas, anque na vila de Neda sempre quedan algunas todo o ano. Será a calor dos fornos, o cheiro a pan e a docería, e o bo trato da xente. Pola dozura en que se achegan ás persoas, penso que son descendentes daquela pola que o noso querido e nunca esquecido Andrés do Barro preguntaba naquela romántica e fermosa canción. Non teño dúbida. 
Gracias amigo Malde, pola expléndida obra fotográfica das “3 Lolas no niño”, que debido á túa arte perpetúan tan fermosa imaxe na rúa Real, ruta de peregrinos do Camiño Inglés a Compostela.
 

Malandríns