De Galicia e de calidade

|

Apesar de camiñar pola Lanzada, con calor, gozando destes seráns plenos de laranxas e vermellos, sabemos que os día de descanso, tocan ao seu fin. Van pechando as horas de lecer e o balanzo, non pode ser máis favorábel. Un tempo excepcional para disfrutar plenamente desta Galicia excepcional, que temos a fortuna de habitar. Vivimos nun auténtico paraíso. 
E moitas veces, non somos quen de poñer en valor, as grandes calidades que a nosa terra ten. Máis alá dos tópicos, a diversidade de Galicia fai deste espazo, un lugar máxico. A pesar dos incendios, intencionados e con intereses, e dos conflitos produtivos, do mar e outros como, o da perda dunha parte da colleita do Albariño polo mildeu, as grandes apostas pola singularidade dos nosos recursos, seguen a falar ben da nosa potencialidade. 
Por iso, é importante que sexamos capaces de diferenciar o noso espazo, e a calidade dos nosos produtos. O problema dos etiquetados, unha vez superado aquela absurda obriga de poñer produto das Augas de Portugal, seguen fomentando a xeneralidade e non a aposta polo concreto. 
Poñer Zona FAO, en lugar de Produto de Galicia, non axuda a vender a calidade e a singularidade do noso. E iso, é un problema engadido ao tema da competencia. Especialmente dos grandes fronte aos pequenos.
Tamén por iso é importante a Política. Para poder loitar, nos foros de decisión, pola adopción das medidas máis xustas e sensatas. E convén ter as ideas claras do que se quere, e do que se xoga en cada envite. Rematan as vacacións. Agardemos que, aqueles que deben facelo, acaben por poñerse as pilas. É tempo.
 

De Galicia e de calidade