VOLVER AOS VALORES

|

Cando os galaicos deixamos de falar en ferrados e comezamos a utilizar o sistema métrico decimal foi o inicio da chamada burbulla inmobiliaria nesta parte do Reino. Así, como quen non quere a cousa, pois pasamos a ser propietarios de metros cadrados e hectáreas, antes todo eran montes e leiras. Non se pode ser terratenente sen vehículo propio, así que nos compramos dous, un grande e outro non tan grande. Calquera ía a unha entidade de crédito e saía montado nun monovolume e cunha cristalería de bohemia e cubertos a xogo.

Se agora reparamos naqueles tempos, vese que non era unha vida real, todo viña sendo unha especie de lúa de mel, de amor eterno que tería que apagarse en calquera momento. Algunha xente insensata medía a súa capacidade económica polos ceros do seu endebedamento bancario, coma quen: son tan de fiar que o banco dáme cartos coa miña palabra. Claro que ninguén se decatou de que as letras escritas no ar vanse co vento.

Os galaicos non estabamos afeitos a iso de vivir de débedas, non cambiábamos de televisor sen ter o dobre de diñeiro para que o que pagásemos non reducise a nosa conta. Pero chegou o plasma e quen non quería tela máis grande que a do seu veciño? Case que ninguén.

Recordo un día que falaba cun perito no asunto económico sobre aquela forma de vivir tan relaxada de pecunio e billetes grandes. Este coñecedor da contabilidade aconselloume que fose mirando a compra que realizaba a xente no supermercado e vise como pouco a pouco ía en decrecemento número de artigos de primeira necesidade que enchían os carros e cestos. Mellor era mirar nos frigoríficos e despensas, pero iso era imposible, así que controlar bolsas nos ultramarinos viña sendo a mellor forma e maneira de establecer o índice de pobreza.

Nestes tempos, todo se conta en números negativos, até o que deixamos de comer e beber. A caída na venda de coches tamén ten outra explicación que hai que encontrar en que cada vez se sacan menos permisos de conducir e estiramos o vehículo até que o contaquilómetros dea máis dunha volta, despois de desfacernos do monovolume. O triste e que nin sequera superamos unha auditoría do Banco de España, que é tan penoso como suspender a ximnasia da época.

Regresar aos valores galaicos tradicionais e que se estuden nas escolas será unha das mellores opcións para que non se repitan crises por aquí. Unha comisión de expertos debería constituírse para establecer a materia curricular que inclúa reivindicacións típicas da terra como mellores estradas, anticaciquismo, traballar para o Estado, pasear as tardes dos domingos polos Cantóns cun auricular no orella escoitando os partidos de fútbol, volver ao coñac Fundador e esquecerse da xenebra de combinacións e deixarse de viaxar a non ser á aldea a facer víveres.

 

VOLVER AOS VALORES