De gregos e ciclóns

Escribo estas liñas cando xa está confirmado que o minguado ciclón tropical Theta apenas se vai sentir en Galicia, pois, mesmo no caso de que acabe arribando ás nosas costas –semella que si–, vaino facer convertido en borrasca postropical. Un problema menos no que pensar –coa covid-19 xa temos abondo–, aínda que, realmente, as noticias sobre o seu desenvolvemento nunca chegaron a preocuparme.

Mais, curiosamente, o nome do ciclón si que me trouxo recordos dos anos escolares. Como é máis que sabido, as letras gregas clásicas –como tantas palabras, nomeadamente do mundo científico–nunca deixaron de estar presentes nas nosas vidas e son unhas cantas as que fomos aprendendo ao tempo que estudabamos matemáticas –ou física, en menor número–, porque a xente do meu tempo non estudaba grego a non ser que seguise a rama de letras, que, no bacharelato, non foi o meu caso. Xa que logo, aquela rapazada aprendía o nome daquelas letras/símbolos cos nomes que lles daba o/a correspondente docente. Por alí andaban alfas, betas, gammas, deltas, épsilons... ata omegas. Evidentemente tamén thetas /θ/, ás que algún profesor –do que, loxicamente, non direi o nome–, de xeito ridículo, denominaba “tita”, porque chamarlle “teta” –máis lóxico, aínda que tamén estivese mal pronunciado–, naqueles anos de ditadura nacionalcatólica, soaría a soez, ademais de que suscitaría a gargallada da cativería escolar. Pero de “zeta” nada. A pronuncia dos dígrafos con “h” –agás “ch”–non estaba moi clara naquela altura. Pensemos na cantidade de persoal que lle chamaba Rapael ao cantante de Linares, descoñecendo que, na representación gráfica do seu nome, escollera a maneira latina de transcripción do fi grego, “ph”.

“Zeta” –ou “seta”, nos falares que carecen de fricativa interdental xorda– , é a maneira de denominar o /θ/ grego e máis o penúltimo ciclón tropical, que xa se está formando o Iota, co nome do fonema que segue a theta no alfabeto grego.

E como o “e” do theta grego /θητα/ leva eta /η/ ou “e” longo, o nome desta letra tan do pasatempo das palabras cruzadas –moi do meu gusto, por certo– levou o meu pensamento ao debate presupostario do Congreso dos Deputados e ás saídas de ton das forzas parlamentarias da dereita extrema. Porque escoitar falar de Gobernos da vergoña, de branquear Bildu, de indignidades morais... a partidos que nunca condenaron a ditadura franquista non deixa de ser un insulto a moi boa parte da sociedade española.

Porque todos os deputados que conforman o Congreso foron elixidas coa mesma lexitimidade e cumprindo todos e cada un dos requisitos esixidos pola legalidade vixente. Ningún nin ningunha entrou pola porta de atrás. E, xa que logo, todo goberno que se precie ten a obriga de buscar todos os apoios. Logo cadaquén decide o que fai. E Bildu non é ETA e eta, ademais, xa non existe a non ser como nome dun fonema grego ou dun ciclón tropical. Porque antes de Theta e de Iota andou polo Caribe a depresión Eta.

 

De gregos e ciclóns

Te puede interesar