Reflexións encol dun premio

H

ai xa quince anos que o Colexio de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol crearon o Premio Xosé Couso de Liberdade de Prensa en memoria do cámara ferrolán ao que lle roubaron a vida no hotel Palestina de Bagdag cando cubría a guerra de Iraq, lugar onde, lembran?, dician os “tres das Azores” que había armas de destrucción masiva.  O Premio Xosé Couso de Liberdade de Prensa foise consolidando ata o punto de ser un certame de referencia non só en España senon tamén fora da nosa raia ( algúns dos premiados eran estranxeiros ).  Evidentemente, como en case todos os premios, nunca chove a gusto de todos pero o coidado con que se computan os votos emitidos polos socios do Colexio de Xornalistas e os do Club de Prensa, certificados por acta notarial, está fora de toda dúbida. Nesta XV edición o premio foi para o colectivo DefendeAGalega, lema da movilización dos traballadores dos medios públicos galegos a prol da defensa do valor da información en liberdade que formou parte das catro candidaduras, todas con méritos suficientes para se faceren co galardón.  Particularmente sentínme ledo do resultado da votación porque os traballadores dos medios públicos galegos levan máis dun ano reivindicando o dereito e as condicións para informaren en liberdade, deixándose ver con camisetas negras todos os venres ( os chamados venres negros) . O curioso e paradóxico é que os medios públicos galegos non se fixeron eco deste prestixioso premio outorgado aos seus traballadores cando nas outras edicións dedicáronlle aos galardoados espazo e tempo nos seus informativos. É coma se houbese unha liña infranqueable entre os traballadores e os executivos e directivos deste medio e estes pretendan que aqueles se convertan na “voz do seu amo” facendo así un fraco favor á unha información libre e independente, premisa fundamental dun xornalismo que se prece. Haberá, sen dúbida, quen non estea de acordo en manter unha radio ou televisión pública.  A dicotomia entre o público e o privado sempre será motivo de debate, pero o neoliberalismo puro e duro o terá difícil, no caso de gobernar, se optase por prescindir dos medios de comunicación públicos. Non é este un tema de doada xestión abofé tal e como andan as cousas. Sempre estará aí a dualidade entre o público e o privado. Os medios público son de todos e os privados poden  estar á serventía doutros intereses. Mentres debatemos e clarexamos, parabéns a DefendeAGalega polo seu traballo.

Reflexións encol dun premio

Te puede interesar